in

Trash

trash |

O futuro da música

| Roi Vidal Ponte |

Trash

 

Xa van alá cen anos desque o pintor italiano Luigi Russolo escribira o seu manifesto sobre a música dos ruídos (L’arte dei rumori, 1913) enmarcado nese pistoletazo de saída que o futurismo foi para as vangardas do século pasado. Reivindicaban os futuristas unha arte completamente nova, moi dinámica, e por aí atoparon unha maneira de se enfrontar co público bastante nova e bastante dinámica que despois deu en se chamar performance. O propio Marinetti baseaba a súa renovación na estética do music-hall ou do circo; pero un circo feito na casa, do tipo do que fai Zampanó (Anthony Quinn) en La strada de Fellini (outro italiano) e situado no extremo aposto ao do virtuosismo pretensioso do Cirque du Soleil francés.

A compañía armenio-italiana Jashgawronsky Brothers, semella herdeira directa desa tradición. Se Russolo fabricou instrumentos estraños que reproducían ruídos, eles utilizan instrumentos que en principio producen ruídos para dar un concerto de música pop. Non hai máis fío condutor ca ese. A única narrativa é a plasmación escénica dunha filosofía máis transcendente do que parece: a poética da reciclaxe, do “faino ti mesmo” (se podes). Unha estética na que collen tanto Marcel Duchamp e John Cage como Pascal Commelade e a avoa a tocar na botella de Anís del Mono decembro tras decembro.

O feito de ofreceren un espectáculo baseado na exhibición destes pequenos ready-mades musicais ten moito de provocador, unha provocación moi futurista, ou sexa irrespectuosa. Como mínimo irrespectuosa cos luthiers (ou se cadra é unha homenaxe a ese mesmo oficio, ao desvelar a súa orixe ancestral), mais tamén irrespectuosa consigo mesma, ata o punto de que no ale-hop final se aplaude máis o fracaso colectivo que o triunfo do ego do artista.

A outra parte da provocación, desa cousa que se agradece aínda que no fondo a maioría do público sabe que lle están a tomar un pouco o pelo, é o que Trash ten de circense. O “máis difícil todavía” é tomado como unha máxima que está ben sobre todo para rirmos dela. Son os clowns que saen no circo sempre ao final e que presentan unha versión defectuosa das habilidades dos magos, domadores e acróbatas. Unha versión punk. Aí os Jashgawronsky Brothers, co seu humor como de slapstick lento e transparente, a súa frontalidade clásica e sincera, dan coa chave. Ese humor que sen renunciar a exhibición das propias habilidades físicas e do propio enxeño, se sabe normal. É imposible que fagan o ridículo, porque nunca se propuxeron ir nin un paso máis alá do ridículo. Son xograres medievais. Asurancetúrix na póla do carballo.

E ao final, en toda esa presenza pretendidamente cutre, propia do lixo, e pretendidamente kitsch, propia da sociedade capitalista, encontramos, case sen querer, unha grandeza inusitada. A grandeza do humilde, do igual, daquel primo que repite o mesmo truco de maxia en cada paparota familiar. Porque é moi posible que por aí, por ese camiño esquecido, cheo de porquiños de plástico comprados nos chinos, de latas e funís atopados no cubo do lixo, no chascarraschás dunha mariscadora, estea o futuro do teatro.


Publicidade

 

 

Foto: Natasha Lelenco | MIT Ribadavia

Trash de Diego Carli
Dirección: Jashgawronsky Brothers
Intérpretes: Paolo Rozzi, Diego Carli, Riccardo Pinato, Antonio Mignoli
Iluminación: Diego Carli
Son / Música: Varios autores

Mostra de Teatro de Ribadavia, 26-07-2014

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

una nic3b1a |

Una niña

img 0012 |

As pombas de carboeiro