Crítica

As pombas de carboeiro

Os versos da historia

| Camilo Franco |

As pombas de Carboeiro

 

Por motivos tratados profusamente case sempre aceptamos que a historia dos demais é superior á nosa. En xeral e acriticamente. Aceptamos a historia e, de aí, pasamos a aceptar que a ficción dos outros é mellor que a nosa. En xeral, sen discutilo. Como que cando alguén che pide que cites os teus autores favoritos a división do mundo consiste en saber se son norteamericanos, franceses, italianos ou sudamericanos (perdoade esta última xeneralización, pero somos así de brutos). Pola mesma operación tamén pensamos que a literatura popular é mellor a dos demais sen precisar moito quen son os demais. Cabería incluso facer un paralelismo entre se ficción e identidade van da man para chegar a esa conclusión que tanto medo mete en formacións políticas identitarias. Pero xa me estou saíndo do mapa.

As pombas de Carboeiro é unha fábula feita con vimbios de por aquí. Aproveitando un episodio con resonancias históricas e que desde aí pasa da historia á literatura popular. Pasa de xeito natural e sen ter que forzar nin paisaxes, nin referencias, nin argumentos. Nin sequera precisa rebuscar no xénero para dar cunha narración que ligue as liñas de puntos de cada cousa: un romance en verso que se vai ilustrando coas imaxes dos naipes e con accións puntuais dos intérpretes. Todo sen saír da casa desde o punto de vista do ideario.

O espectáculo aínda permite un luxo máis. A incorporación das bandas municipais para poñer algo máis que banda sonora a esta historia de amor e guerra. A historia dos namorados cóntase a toda velocidade e inclinándose cara ao humor a pesar do tráxico dalgúns pasaxes. Hai amor, eterno, pero hai tamén persecucións da cabalo, espadas e algúns loitadores capaz de imitar en número de inimigos abatidos a algún episodio dese rebumbio de sagas que é Game of thrones. Nas Pombas non se ve sangue, que é unha historia para familias, e os seus personaxes lonxe de viaxar por territorios inventados, cabalgan contrarreloxo por lugares identificables no mapa de Galicia. Por eses espazos transcorre a historia contada, aguantando o tirón de verso e asumindo algunhas dificultades da manipulación do tarot a altas velocidades. A compañía bota man do clown para refrescar aos espectadores, para facer contrapunto e para disimular as dificultades da música culta, todo en conxunto e a favor de obra.

A incorporación da banda municipal, neste caso a de Santiago, quizais requiría dun espazo máis recollido ou dunha participación máis enérxica ou máis ampla. Nos momentos en que a banda asume o protagonismo a peza cambia de dimensión, parece incorporarse a un drama histórico cun final feliz posible. A orquestra vai poñendo algunhas notas de seriedade e aínda se suma a poñer un contrapunto cómico para que ninguén teña queixa sobre como se mete na historia. A combinación pedía unha maior participación da banda, máis acompañamento da música en algunhas partes da historia ou unha integración máis estreita en outras.

As pombas de Carboeiro de Inacio
Dirección: Inacio
Composición musical: Benxamín Otero
Elenco: Inacio, Benxamín Otero
Duración: 55 minutos.

Verán na rúa. San Martiño Pinario. Santiago de Compostela. 30 de xullo, 2014

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!