in

Strpts. Mirlo & Rula

merloerula |

Transparencia

| Manuel Xestoso |

MerloeRula

Georges Méliès –xunto cos irmáns Lumière, un dos pais do cinema moderno– procedía do mundo do teatro. Un teatro no que primaba o fantástico e a prestidixitación, con espectáculos nos que se combinaban pantomimas e lanternas máxicas, efectos especiais e ilusionismo. O importante era manter a fascinación do público, ocultándolle os –moitas veces moi complexos– mecanismos técnicos que facían posible aquelas ficcións fantasmagóricas que falaban de viaxes polo espazo, odiseas submarinas e bosques ateigados de fadas e quimeras.

O “cine en directo” do colectivo Cinema Sticado semella facer o camiño de volta cara a esas orixes do teatro de barraca e, coma o de Méliès, mestura unha tecnoloxía altamente sofisticada cun acabado artesanal: figuras de papel recortado, caixas de cartón pintado, teatro de sombras… Pero nesta época en que a poboación esixe a máxima transparencia, o espectáculo o conforma, precisamente, o dispositivo oculto. Xa non queremos que nos enganen con prestidixitacións: esiximos saber quen move os bonecos, como se transforman en personaxes, quen lles insufla a vida e con que obxectivo.

Neste sentido, resulta moi ilustrativo que a trama de Mirlo e Rula xire arredor dos poderes ocultos que nos arrodean e que dirixen o comportamento da sociedade: igual privatizan a auga que asasinan unha muller facendo recaer as sospeitas sobre un inocente. O ton é o dun clásico da novela negra, cos seus tópicos e as súas rutinas. Pero, no tránsito entre a actualidade e a sala de teatro, resulta imposible non decatarse de que a historia apunta cara a esa confabulación secreta que se manifesta cada día con máis claridade, cara a esa sospeita de complicidade entre as altas esferas e mundo da hampa, cara a esa sensación de que a cidadanía é unha comparsa manipulada polos que manexan os fíos.

Fronte a ese escurantismo que só podemos intuír, sitúanse Xosel Díez e Helena Varela, amosando con franqueza o artefacto que xera a súa ficción e, curiosamente, provocando no espectador o mesmo efecto que os trucos encubertos de Méliès: a admiración incrédula, o abraio pola laboriosidade do sinxelo ou pola sinxeleza do laborioso. Demostran que non é preciso agocharse tras o discurso do técnico para crear empatía co público e poñelo sinceramente de parte do espectáculo. E iso, nestes tempos, ademais de un excelente logro artístico é unha declaración ética de gran calado.


Publicidade

 

Strpts / Episodio 1: Mirlo e Rula do Colectivo Cinema Sticado
Dirección: Xosel Díez
Intérpretes: Helena Varela e Xosel Díez
Deseño Iluminación: Man Núñez

Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo. MARCO. 14 de marzo de 2015.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

not pastillas |

NOT Never on Time

captura de pantalla 2015 03 18 a las 17 42 51 110x110 1 |

El agitador Vórtex