in

Don Juan

donjuan |

As vellas deben namorarse

Roi Vidal Ponte

donjuan
Foto Manuel G. Vicente

 

Máis que coller persoas maiores para unha revisión do mito de Don Xoan, Voadora colle o mito de Don Xoan para homenaxear ás persoas maiores. Ou a nós mesmas, que dentro de non moito habitaremos unha sociedade avellentada como nunca, pero riseira como sempre.

Ao comezar sorprendémonos cos corpos, veteranos da vida e inexpertos do teatro, a se moveren polo escenario como obedecendo ao que a man invisible da dirección lles encargou nos ensaios. A primeira sensación é de morbo. Non nos vai gustar o ben que actúen, senón as imperfeccións que esa actuación provoque. Mais co paso do tempo e das escenas, imos entrando nunha poética cuxo ingrediente base é tan raro coma indispensable: verdade.

Desde o amadorismo dos anos 60, o primeiro que fan os grupos de teatro afeccionado ao se constituíren é un intenso adestramento corporal. Suponse que a educación e os hábitos sociais van moldeando o noso corpo dunha maneira tan maliciosa que todo actor e actriz que se gabe da súa valía ten a urxencia de se liberar de toda esa recua de bloqueos, tics, e erros posturais antes de se atrever a entrar na pel de calquera personaxe dramático. Mais a posmodernidade chegou tamén para deixar que sexa a propia realidade a que substitúa a súa representación mimética, de xeito que naturalidade destes corpos nos leva a falar máis que de amadorismo, de teatro de non-ficción. Efectivamente, no posdrama non hai drama, senón artificio espectacular; non actrices, senón actuantes. Pero isto é outra cousa. No escenario están túa sogra e teu avó, o taberneiro da aldea e os que botan a partida, o teu profesor de Historia de EXB e as veciñas que len as revistas do corazón na peluquería. E están tamén os seus nervios, os seus defectos físicos, os seus andares ridículos e as súas eivas de memoria.

O ‘teatro das persoas’ ten no Don Juan de Marta Pazos un dos seus máis esplendorosos cumios. Como demostra David Shields no seu manifesto Reality Hunger (2010), existe un movemento en formación cuxo principal compoñente é a inartisticidade que resulta do uso de materiais en bruto, que semellan non ter sido procesados, filtrados, censurados, nin profesionalizados. Logo de emancipar a convención actoral das súas clásicas ataduras liberadoras (o ‘paradoxo do comediante’ 2.0.?), o que nos queda é a estupefacción polo corpo tal e como este é en realidade. A recepción ponse entón nun lugar próximo ao que ocupa ante un monicreque. Mudamos a graza do obxecto inerte que finxe ter vida pola do obxecto vivo cuxos movementos imperfectos nolo fan parecer medio morto, pero ambas presenzas nos provocan o mesmo riso lúdico.

Aínda que cortada por certos momentos textuais excesivos e carente de interese, a proposta estética vai levedando a golpe de imaxes. Sempre baixo o filtro embelecedor da música en directo e as cancións marca da casa, interpretadas en marabillosos momentos nos que parece que David Lynch acendeu o karaoke do salón, asistimos ao revelamento de afirmacións escandalosas como a que reivindica o sexo na vellez (“Girls just wanna have fun”, que di o himno de Cindy Lauper) ou a que protesta pola hipocrisía xeracional represiva dos que hoxe frisan os setenta, para acabarmos comparando a morte cunha pista de baile na que a vida é unha festa e a xuventude un futuro cargado de proxectos.


Publicidade

Porque a engurra ser será bela, pero o que é os sucos que o tempo fai na pel… Ai! Eses si que che son ben sexis!

 

Don Juan de Voadora
Dirección: Marta Pazos
Dramaturxia:
Voadora, a partir de Dom Juan ou le Festin de Pierre de Molière
En escena
: Carmen María Alonso, Encarna Álvarez, Xesús Bendaña, Manolo Benítez, Mary C. Castro, Marga Castro, Gena F. Ferreiro, María del Portal Fernández, José Antonio García, Juan Montenegro, Esther Lodeiros, Xacobe Gegorio López, Mercedes Llerena, Lis Mosteiro, Anxo Ramírez, Serbia Rodríguez, Chita Rodríguez, Basi Sánchez, Lourdes Santos, Luisa Silvela, Albariza Sordo, Isaura Varela
Músicos en vivo: Jose Díaz, Fernando Epelde e Hugo Torres
Música Orixinal: Jose Díaz, Fernando Epelde e Hugo Torres
Coreografías: Uxía P. Vaello
Iluminación: Rui Monteiro
Deseño de son: David Rodriguez
Axudante de dirección: Gena Baamonde
Rexedores: Gena Baamonde, Ema Santabárbara, Aarón P. Suárez e Liza Suárez

Festival Escenas do Cambio, Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2016.

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

tijuana manuel g vicente |

Tijuana

archive |

Archive / Cédric Andrieux