in

Susn

susn1 |

A estéril rebelión dos indignados

| Manuel Xestoso |
| Foto: Arno Declair |

 
 

Cuestionar os valores do sistema no que vivimos e desenvolver un pensamento crítico son condicións necesarias para cambiar a realidade. E, non obstante, non abonda con ir a contracorrente: ás veces esa rebeldía é simplemente un intento desesperado de desenvolver unha personalidade propia nunha sociedade ateigada de individuos alienados. Córrese o risco, daquela, de caer na exaltación do propio pensamento, de desprezar todas as opinións alleas e considerarnos os únicos seres libres e racionais: de transformarnos en narcisistas resentidos.

A protagonista de Susn, cuxa vida seguimos de dez en dez anos, comeza a súa carreira de indignada aos dezasete anos, cando decide abandonar a relixión para fuxir da hipocrisía e a opresión que a arrodean. Verémola despois na súa etapa de estudante, como esposa frustrada dun escritor que a despreza e, finalmente, volvendo ao culto para que, por fin, alguén a escoite: “e quen senón Deus vai escoitarme”, afirma.

Susn segue ese frustrante percorrido buscando o xeito de atopar unha liberdade sexual que a sociedade que habita non está disposta a concederlle: ignora que, sen dotar de contido social a súa desobediencia, o seu desexo non vai atopar a vía liberadora que anhela e que, xa que logo, as súas transgresións van operar como reforzo da ideoloxía contra a que están proxectadas. Participar nunha orxía non equivale a emancipar o desexo feminino: mesmo pode consolidar o papel subalterno que a sociedade lle reserva á muller. O sacrificio en pos dunha liberdade abstracta e pouco definida revélase exactamente igual de hipócrita que o sacrificio da comunidade de crentes que se pretendía abandonar.

Para contar esta historia, Susn apóiase nun espléndido texto que é quen de explicarse sen esquecer os condicionantes dos que é vítima unha muller por ser muller nin o estigma que se lle apón a calquera que non pertenza ás clases privilexiadas. O persoal actúa como detonante dun drama cuxas bases están definidas polo ambiente. E, non obstante, a montaxe mantense á distancia precisa para evitar que comprender a circunstancia sexa equivalente a empatizar cun personaxe que cae no sexismo, a xenofobia e o clasismo máis reaccionarios. É a historia dunha derrota persoal, mais tamén dun fracaso colectivo.

Ostermeier emprega todos os recursos que fixeron del un referente no teatro europeo contemporáneo e que apuntan sempre á amplificación dos detalles menos patentes pero máis insinuantes. Todos os elementos da posta en escena procuran o incremento das perspectivas, sen que ese aumento dos pormenores caia nunca do lado da obviedade nin do subliñado. O minucioso traballo da actriz Brigitte Hobmeier, que dota de áspera credibilidade cada un dos monólogos, outórgalle humanidade a crueza do camiño cara ao abismo da protagonista, aínda que certos excesos na última parte introduzan unha caricatura innecesaria nun espectáculo, polo demais, rigoroso e brillante.

 


Publicidade

Susn de Herbert Achternbusch
Director: Thomas Ostermeier
Elenco: Brigitte Homeier, Gundars Ăbolinš
Escenografía e vestiario: NinaWetzel
Iluminación: Björn Gerum
Dramaturxia: Julia Lochte
Vídeo: Sebastian Dupouey
Música: Nils Ostendorf

Festival de Almada. Centro Cultural de Belem, 15 de xullo de 2016.

 

 

 

 

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

image |

La piedra oscura

madrecoraje |

Madre Coraje