Á fin os mozos tomaron os teatros
Tras Tannhäuser ten todas as cousas boas das compañías novas cargadas da paixón dos artistas mozos. E tamén ten todos os problemas que se derivan da mesma circunstancia. É, por iso, un espectáculo interesante no que prima a experimentación e o saber facer propio dun equipo formadísimo (todos eles son titulados con méritos na ESAD de Galicia) que sabe o que quere e como contalo. E ademais é unha peza que, por momentos, cae no excesivo: no excesivamente transcendental, no excesivamente simbólico, no excesivamente tópico, no excesivamente aleccionador. Fáltalle a este Tras Tannhäuser un pouco de ironía, unha ironía coa que arrinca dun xeito potente mais que axiña se esquece na pretensión simbólica da obra. Feira do Leste ofrece aquí imaxes de enorme fermosura, un lirismo fondo e evocador e a disolución dos temas no sensorial, cousas que están moi ben, pero que non dispoñen do contrapunto distanciador que axudaría a que o espectador teña un cabo ao que agarrarse para entender os contidos, ou mellor dito, para seleccionar as ideas principais e para entrar ritmicamente no espectáculo. E aínda así, é un bo segundo espectáculo dunha compañía que, sen dúbida, terá moito que dicir no panorama teatral galego.
Quen non coñeza as persoas detrás dos nomes do programa de man sorprenderase de que César No sexa un director de menos de 25 anos. Hai un saber facer técnico en Tras Tannhäuser ao que nin sequera nos teñen habituados experimentados directores de máis idade, e ese feito é tremendamente gratificante para as espectadoras que xa buscamos algo novo niso que se chama posdrama e/ou teatro contemporáneo e que, en realidade, xa hai uns anos que vén repetindo a retórica de grandes obras estreadas nos anos oitenta do século pasado. O nivel de novidade do que falamos aínda non está en Tras Tannhäuser, que é un espectáculo que homenaxea as grandes liñas estéticas do posdrama e se sitúa conscientemente nelas dun xeito que incluso pode resultar algo repetitivo e insistente. Pero cando César No decida aproveitar esa súa mocidade e talento escénico para rebelarse incluso cos seus modelos (e cónstame que en versións iniciais deste espectáculo esa intención estaba presente), non cabe dúbida de que fará algo que será importante. E axiña chegará. El e mais o seu partenaire e alma artística xemelga, o dramaturgo Ernesto Is, só teñen que liberarse de pretensións, e, sobre todo, fuxir coma se fose o demo do politicamente correcto. Hai un olor a bempensantismo en Tras Tannhäuser, moi evidente no seu monólogo final (por que ese punto de autoaxuda? por que a procura dunha especie de happy end nun espectáculo que quería contar unha revolución de tres mulleres contra as aparencias sociais?), que está moi lonxe do sentido estético no que se sitúan estes creadores.
Elas, as actrices, están moi ben. Cun dominio dos corpos acaído a un espectáculo que se basea en boa medida no físico, cada unha constrúe a súa figura aproveitando as súas calidades físicas e vocais. Sorprende, con todo, o problema para a dicción en lingua galega de Sonsoles Cordón, aspecto que destaca en relación con Nerea Brey e Dunia Díaz, nas que se percibe unha maior harmonía corpo-voz-movemento.
Non quixeramos rematar esta recensión sen referírmonos a Javier Lojo na produción e a escenografía, fermosísima, asinada tamén por un artista moi novo, José Faro “Coti”, que desprega simplicidade, elegancia e imaxinación con aspectos ben simples: unha mesa, unha iluminación moi ben posta, e un chan cuberto de plumas. O espectáculo consiste, en boa medida, en como interactúan as tres actrices coa escenografía, e de aí que o espazo adquira unha importancia poética apaixonante en Tras Tannhäuser.
Á Feira do Leste agárdana éxitos importantes. Estean atentas. O relevo xeracional por fin chegou.