Non é tan fácil
| Manuel Xestoso |
| Foto: ProLight Estudio |
Quizais o máis interesante de Nacidas libres sexa que, sen que se note demasiado, pon en cuestión un dos mitos máis incardinados na sociedade actual: o da liberdade. Da liberdade falan hoxe moito algúns políticos, moitos xornalistas e, sobre todo, a publicidade. Pero xa non se trata daquela clásica fórmula que cambiou Europa –liberdade, igualdade, fraternidade– senón dunha esaxerada valoración da liberdade persoal que opera en detrimento doutros valores como a xustiza, a igualdade ou a solidariedade. A liberdade actual é apenas unha liberdade para escoller no consumo que, paradoxalmente, nos encerra na prisión dos caprichos do mercado e divide as forzas proclives a esixir outros dereitos.
Nacidas libres conta a peripecia de catro actrices empeñadas en recrear a historia das monxas retidas en contra da súa vontade nun convento de Compostela. Esa dobre dimensión en que se move a obra permítelle ao autor reflexionar sobre os diferentes condicionantes que nos levan a tomar decisións supostamente “libres”: a liberdade para escoller dun cuarteto de actrices que exercen en precario o seu oficio é tan cuestionable como a vocación relixiosa dunhas mulleres que se enfrontan a un futuro de miseria na India. Os continuos debates que xorden sobre estes obstáculos que supeditan á nosa vontade ás condicións de subsistencia básicas indícannos que talvez a liberdade non é tan fácil de alcanzar: nin tan sequera unha aspiración tan pura como se pretende.
O teatro dentro do teatro é o mecanismo que permite que a obra avance: un xogo de bonecas rusas no que os temas van encadeándose sen apartarse da cerna do argumento. E o humor actúa como o lubrificante que enxerta todas estas especulacións nunha comedia lixeira que aspira a unha transcendencia comedida: Cándido Pazó coñece ben a carpintaría básica do xogo teatral e coloca con precisión o golpe humorístico que alivia a tensión dramática, a brincadeira que modera a gravidade dos asuntos tratados. Toda comedia contén un drama e Pazó trata de rescatar esas pequenas (ou grandes) calamidades cotiás fuxindo da altivez da traxedia.
E mais non é tan fácil: quizais porque o teatro dentro do teatro permite que haxa un certo grao de flexibilidade na estrutura, o abano de temas que se queren tocar impide a concreción e o motivo principal queda un tanto difuso na enxurrada de suxestións que a función nos ofrece. Gañar en amplitude e perder en concisión pode parecer un empate, pero no teatro hai que saír a gañar. Se non, o resultado pode ser unha obra que se lle fai longa ao público e que require dunha rigorosa podadura para precisar a súa mensaxe.
Malia todo, o espléndido traballo das actrices, unha dirección que crea personaxes cunha intención exacta e a honestidade das situacións ofreceron un conxunto que permitiu esquecer esas imprecisións e que propiciou unha grande ovación na estrea. Non é tan fácil.
Nacidas libres de Cándido Pazó
Dirección: Cristina Domínguez
Elenco: Susana Dans, Casilda Alfaro, Mónica Caamaño, Rocío González
Escenografía: Carlos Alonso
Deseño de son e música orixinal: Guillerme Fernández
Deseño iluminación: Afonso Castro
Vestiario: Carlos Alonso
Estrea na Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal. 30 de xuño de 2017.
Este artigo foi previamente publicado no Faro de Vigo de 2-07-2017.
Un comentario
RetrucarOne Ping
Pingback:Contraproducións leva Nacidas Libres ao Rosalía de A Coruña - Inorantes