Os representantes de PSOE e En Marea apoiaron a Proposición Non de Lei, mais o voto en contra do PP impediu que a iniciativa fose adiante. | M. X. |
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, presentou onte unha Proposición Non de Lei mediante a cal se reclamaba que a Xunta abrise un “espazo de diálogo” co sector teatral para recuperar o vigor do Centro Dramático Galego. Rodil, que falou da necesidade de “refundar” o CDG, puxo como exemplo deses recortes que en 2017 –segundo declaracións da directora do centro de produción, Fefa Noia, a quen citou–non fose posible completar a representación das tres obras de Valle Inclán que conforman a triloxía Martes de Carnaval.
A viceportavoz do BNG insistiu na urxencia de crear unha mesa de diálogo, como reclama o sector, “para escoitar as súas propostas” e establecer cuestións tan relevantes como os criterios de contratación dos elencos artísticos, garantir unha dotación orzamentaria suficiente, dotar ao CDG de autonomía mesmo con personalidade xurídica propia e volver dar a este centro un papel referencial que lle permita servir de vangarda e reconectar co público.
María Burgo López, do PSOE, lembrou que dende o ano 2009 o CDG “foi presa de moitos escándalos e moitos problemas denunciados unha e outra vez polos axentes teatrais”. Burgo considerou que todos estes axentes están “moi preocupados sobre o futuro do CDG” e acusou á AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) de non estar respondendo “as iniciativas e inquedanzas do sector”. Sinalou que o que se pide na iniciativa do BNG é o que a profesión leva pedindo reiteradamente nos últimos tempos.
Ánxeles Cuña, de En Marea, lembrou a situación “moi dura” que están pasando as profesionais da cultura e que o que único que se pide é diálogo. Cuña avogou por melloras da xestión e por uns orzamentos dignos que respondan á función da AGADIC de consolidar estruturas. A deputada de En Marea criticou que o CDG producise un só espectáculo anual e pediu comunicación, un cambio de modelo na contratación e un incremento orzamentario que devolva o CDG á situación previa á crise.
Teresa Egerique Mosquera, do Partido Popular, asegurou que “as portas do diálogo seguen abertas” e que non percibía que houbese esmorecemento ningún na actividade do CDG. Engadiu que dotalo dunha entidade xurídica propia non aseguraba a solución aos problemas da institución e defendeu a postura do seu partido en contra da proposición alegando que xa se convocara unha mesa sectorial e que a Asociación de Actrices e Actores de Galicia a abandonou pouco despois de iniciarse.
A este argumento retrucou Olalla Rodil sinalando que, durante as conversas mantidas, a AGADIC pretendía limitar os temas sobre os que se debía debater e acusou ao PP de “concibir o diálogo como unha vía de sentido único”.
Egerique e Rodil referíanse á convocatoria dunha mesa sectorial que se reuniu dúas veces dende decembro e que rematou, efectivamente, co abandono non só da AAAG senón tamén doutras asociacións do sector como Escena Galega (que agrupa a compañías e empresas produtoras). O relato do que sucedeu neses encontros difire notablemente. O director da AGADIC, Jacobo Sutil, que comparecía a continuación ante a Comisión de Educación e Cultura para responder a unha pregunta do PSOE sobre se existía algunha previsión de modificación na xestión do CDG, asegurou que nunca se negaron a tratar ningún asunto e que mesmo ofreceron “continuar a mesa e seguir falando doutros temas”. “Non vou convocar outra mesa de diálogo porque xa existe unha”, concluía.
Dende a AAAG e Escena Galega, pola contra, sosteñen que AGADIC pretendía tratar exclusivamente do modelo de contratación de elencos das producións do CDG, mentres que eles buscaban un diálogo máis amplo sobre a situación do centro de produción institucional. Ante a reiterada negativa da Axencia, consideraron que non existía vontade de diálogo e, xa que logo, retiráronse dunha negociación que consideraron inviable.
A AAAG denunciou recentemente o esmorecemento da actividade do CDG nun comunicado público. A Academia Galega de Teatro, na súa recente presentación, foi máis alá e chegou a pedir unha reconsideración da AGADIC.