in

Mendoza

Mendoza2 |

Shakespeare en México

| Manuel Xestoso |

 

En Mendoza hai ruído, hai furia e hai sangue, moito sangue. Todo o sangue escocés de Macbeth tingue unha outra xeografía que non é allea á sede de poder e á avaricia, nin tampouco á ferocidade necesaria para satisfacer eses pecados capitais que converten aos seres humanos en idiotas que contan contos que non significan nada. En Mendoza eses contos explícanse mediante unha fermosa e inmensa construción da linguaxe, pero non a de Shakespeare, senón a de Juan Rulfo e a dos campesiños de Oaxaca: non existe beleza lingüística que non teña os seus alicerces na fala do pobo. Sabíao Shakespeare e sábeno Los Colochos, que reconstrúen a traxedia escocesa á medida dun país castigado pola mesma violencia que castigaba a Escocia cando o bosque de Birnam camiñaba cara a Dunsiname.

Mendoza é Macbeth, pero iso non explica a grandeza desta obra: Mendoza tamén é –sobre todo é– un México que aparentemente semella o da Revolución, pero que lembra traxicamente o México do narcotráfico, o dos machos que compiten por demostrar máis valor ca ninguén, o das matanzas de estudantes cuxos cadáveres mutilados se exhiben para escarnio de todo o humano. E paradoxalmente tamén é o México que loita por valores como a liberdade e a dignidade, pola supervivencia do máis ancestral –e, polo tanto, o máis auténtico– que sostén a identidade dos pobos. Mendoza amosa a crueldade da Historia, pero tamén os momentos de nobreza que a iluminan; ensina a miseria moral, pero tamén a miseria material que a orixina.

Non se necesitan grandes orzamentos nin grandes alardes técnicos para que o teatro transite polas beiras diso que chamamos a realidade. Los Colochos apenas empregan unhas cadeiras de metal, unha mesa, algúns trapos pintados de vermello. Non se necesita máis para crear unha dramaturxia exacta que crea imaxes inesquecibles, grazas a unha dirección de escena precisa e imaxinativa que apela á imaxe poética ou cruel que permite dotar de todo o seu significado á morte de Banquo (Aguirre), ás visións de Macbeth (Mendoza) adiviñando espectros nun banquete, ao suicidio de Lady Macbeth (Rosario).

O teatro segue sendo fundamentalmente actores e público, e a compañía mexicana coloca un elenco portentoso que sabe traballar a rentes do espectador sen perder de vista a motivación de cada un dos personaxes: de cada un deles extrae a potencia expresiva necesaria para completar o círculo –o cuadrilátero– dun espectáculo que acaba sendo tan brutal como poético, tan simbólico como cimentado nunha terra baldeira e asoballada.

O corrido final pon o ramo a unha lección tan sabia coma a santera que fai as veces do trío de bruxas: hoxe todo está coma onte; os poderosos seguen sendo os mesmos; pero ao final é o pobo quen ten a potestade de contalo á súa maneira. Para iso está o teatro.


Publicidade

 

Mendoza estará o 18 de xullo na MIT Ribadavia.

Mendoza, de Antonio Zúñiga e Juan Carrillo, baseado no Macbeth de Shakespeare

Dirección: Juan Carrillo
Elenco: Marco Vidal, Mónica del Carmen, Erandeni Durán, Leonardo Zamudio, Martín Becerra, Germán Vilareal, Ulises Martínez, Alfredo Monsivais, Roam León, Yadira Pérez.
Deseño de luz: Mario Eduardo D’León
Vestiario: Libertad Mardel
Máscaras: Martín Becerra
Produción: Los Colochos Teatro

Festival Internacional de Teatro de Expresión Ibérica. Teatro Nacional São João, Porto. 20 de xuño de 2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cariño2018 |

A Mostra de Cariño presenta a súa 40ª edición

SildaHadrian |

Casilda Alfaro e Adrián Ríos: “Silda & Hadrián é un agasallo de Manuel Lourenzo sobre dúas formas de ver o teatro”