in

As artes escénicas de Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia únense en ‘Camino Escena Norte’

CaminoEscenaNorte |
A iniciativa, que pretende ser unha realidade a partir de setembro de 2019, foi promovida por escenAsturias, Acepae, Eskena e Escena Galega, co apoio de Faeteda (Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza). Estas catro asociacións agrupan a 99 compañías produtoras de teatro, títeres, danza e novo circo das catro comunidades do Camiño de Santiago do Norte.

 

As asociacións profesionais escenAsturias, Acepae, Eskena e Escena Galega, que agrupan ás compañías produtoras de teatro, títeres, danza e novo circo de Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia, promoven o itinerario Camino Escena Norte, unha iniciativa que pretende a dinamización cultural, social e económica da histórica ruta do Camiño de Santiago do Norte. O proxecto, que conta co apoio de Faeteda, quere ser unha realidade a partir de setembro de 2019, cando se poñería en marcha.

A presentación ao sector profesional tivo lugar este mércores, 7 de novembro, no marco da 7ª edición do Mercado de Artes Escénicas, Mercartes, que se celebra na cidade de Valladolid dende hoxe ata o venres, día 9. De facto, o proxecto, que está aínda nunha fase inicial de negociación e busca de financiamento, xurdiu na anterior edición desta feira que se ten consilidado como o gran foro profesional do sector das artes escénicas en España.

De concretarse nos próximos meses, Camino Escena Norte contribuiría a que a produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca percorrese os catro territorios nun itinerario que se concentraría durante un mes e que implicaría a oito compañías (dúas por comunidade) que representarían outros tantos espectáculos nunha programación de 32 funcións (catro por grupo). Para darlle ao público a posibilidade de coñecer e de ter acceso a creacións escénicas doutras zonas ás que doutro xeito non accederían, as compañías actuarían nas comunidades veciñas, nunca na propia.

Camino Escena Norte, que pretende enriquecer a proposta cultural desta ruta histórica que une desde hai varios séculos os territorios de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, quere ao mesmo tempo potenciala desde unha perspectiva social e económica. Ademais, a súa intención é promover a relación das compañías cos distintos públicos, creando espazos de participación e intercambio.

 


Publicidade

Presentación profesional en Mercartes

O acto de presentación deste proxecto contou coa presenza de Belén Pichel (presidenta de Escena Galega, Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), Luis Alija (presidente de escenAsturias, Asociación de Compañías Profesionales de Artes Escénicas de Asturias), Carlos Troyano (en representación de Acepae, Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas), José Antonio Vitoria (presidente de Eskena, Empresas de producción escénica asociadas de Euskadi) e Jesús Cimarro (presidente de Faeteda, Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza), que puxeron o acento en conceptos como peregrinaxe, intercambio ou excelencia.

En palabras de Luis Alija, “Camino Escena Norte representa o primeiro itinerario de artes escénicas intercomunitario. Hai que aplaudir unha iniciativa que fomenta o intercambio cultural e que representa unha grande oportunidade para todas as compañías que tomen parte nel”. No mesmo sentido expresouse Belén Pichel, quen salientou que estamos ante “un proxecto importante e ilusionante que impulsa o intercambio humano e cultural entre catro territorios”.

Para Cantabria, segundo Carlos Troyano, “é unha oportunidade única para restablecer os vínculos seculares que compartimos cos nosos veciños do norte, redescubrindo o que nos une grazas ás artes escénicas e aproveitando o que supón escoitar e ser escoitados para poder medrar xuntos”. José Antonio Vitoria subliña, pola súa parte, “un itinerario escénico que permite o coñecemento e o re-coñecemento mutuos ao longo da cornixa cantábrica”.

Por último, Jesús Cimarro manifestou: “Faeteda celebra que se xestase no seu seo un proxecto como Camino Escena Norte, que vincula a varias asociacións de artes escénicas e que recolle moito do que viñemos promovendo desde a federación: cooperación, traballo en equipo, vencellamento interterritorial. Ademais, o feitoo de que a iniciativa se xestase en Mercartes e se presente na propia feira é outro motivo máis de felicidade”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sofiaeaspostsocraticas2 |

Inversa Teatro estrea ‘Sofía e as postsocráticas’

malcriadaCarrodeguas2 |

O Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas continúa cunha obra de Esther F. Carrodeguas