in

Faladoiros arredor da ‘Anatomía dunha serea’ de Iria Pinheiro e a violencia obstétrica

IriaPinheiroAnatomiaSerea |

O Club C! de Compostela organiza esta semana dúas actividades vinculadas ás representacións de Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, que terán lugar o xoves 9 e o venres 10, no Teatro Principal, ás 20:30.

Hoxe, martes 7, o Club C! propón unha “entrevista bidireccional”, un diálogo entre María Lado e Iria Pinheiro. Coa autora do texto e a protagonista da peza documental, o faladoiro consistirá nun diálogo entre as dúas, para repasar a orixe do espectáculo e para reflexionar sobre o proceso de escrita do texto e, transversalmente, sobre a(s) violencia(s) ás que como mulleres creadoras están expostas.

Casa das Mulleres Xohana Torres (Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, s/n) acollerá este coloquio a partir das 18:00.

Ademais, o xoves 9, Martina González, psicóloga, sexóloga e terapeuta de parella, presentará o relatorio “Nin tolas nin histéricas: consecuencias da violencia obstétrica”. Que é a violencia obstétrica? Como identificala? Cales son as súas consecuencias? Nesta actividade, afondarase sobre estas cuestións nun faladoiro aberto, guiado por Martina González Veiga, e no que tamén estarán presentes colectivos que traballan arredor do corpo e os procesos reprodutivos das mulleres.

Será tamén na Casa das Mulleres Xohana Torres (Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, s/n) a partir das 18:00.

Anatomía dunha serea fala dunha muller que leva no seu corpo a pegada da violencia obstétrica sufrida durante o embarazo e o parto, narra a súa historia dun xeito directo, aberto e autocrítico. Un relato construído mentres a ferida segue aberta, porque as secuelas aínda non foron reparadas e o seu testemuño terá toda a visceralidade propia dun caso aberto.


Publicidade

Trátase ademais dunha obra de teatro autobiográfica e con carácter testemuñal, pois a voz en primeira persoa da protagonista é tamén o testemuño directo de alguén que viviu os sucesos e acontecementos reais que se contan na obra. É o terceiro proxecto escénico sementado na Berberecheira do grupo Chévere.

O Club C! é unha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais compostelás. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais.

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

NadjMnemosyne |

Mnémosyne

CinderelaLigiaSoares |

O FITEI do Porto comeza cun programa dedicado á creación portuguesa