in

Mnémosyne

NadjMnemosyne |

Imaxes sobrevivintes

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Nadine Soulage |

 


Capa96 |
Esta crítica do último espectáculo de Josef Nadj aparece no número 96 da erregueté | Revista Galega de Teatro. As persoas subscritoras xa a teredes na casa; as que aínda non vos suscribistes, estades a tempo de facelo e de axudarnos a seguir informando sobre as artes escénicas.
O espectáculo-exposición de Josef Nadj puido verse no Teatro Nacional São João do Porto o pasado xaneiro.

 

 


 

Co seu Atlas Mnémosyne, o historiador Aby Warburg ofrecía unha máquina para pensar as imaxes, un labirinto temporal desde o que evocar as analoxías entre elas. Interesado no perdurar dos símbolos, con aquel dispositivo buscaba o elemento inconsciente da imaxe que persiste á marxe das épocas, formas e estilos. Tamén a modo de labirinto e como tributo a Warburg, no seu Mnémosyne, Josef Nadj propón un periplo espectral no que a fotografía se funde coa performance dentro dunha obra de arte total na que a imaxe sinala a fraxilidade da memoria humana e a imposibilidade de combater a voracidade do tempo.

Nadj toma como elemento condutor unha imaxe da súa infancia: unha ra esmagada, unha chapa de sapo, que ben podería ser interpretada como o símbolo da natureza arrasada pola velocidade e o progreso. A partir dese elemento-ra, empregado como moeda de cambio entre a rapazada, o artista plástico compón trinta fotografías que viaxan entre o abstracto e o figurativo deseñando unha desconcertante composición de naturezas mortas cheas de vida nas que os materiais concretos ofrecen asociacións inesperadas, onde a mirada descifra o mundo entre a madurez e a inocencia como se dunha historia de fantasmas para persoas adultas se tratara.


Publicidade

Despois de percorrer as trinta imaxes que revelan a mirada experimental, concreta e polisémica do Josef Nadj fotógrafo, o público penetra na súa particular cámara negra como se accedese ao interior dunha cámara escura desde a que captar e fixar o destello do efémero. Nunha paisaxe interior en branco e negro, en consonancia coa exposición visitada previamente, un Josef Nadj anónimo presenta o seu dobre nun rito beckettiano no que se recollen os ecos das imaxes anteriores, no que a memoria retumba dentro de si mesma, onde o orixinal lembra a copia e onde a copia se recoñece no orixinal dentro dun tempo suspendido e agochado. A repetición, o ritmo marcado e o micromovemento enigmático e magnético a modo de fotograma esculpen os pasos do tempo cara a concepción dunha imaxe final que nos presente o rastro da memoria dunha vida: unha vanitas construída e fotografada onde a infancia e a morte se identifican, onde a mirada e o obxecto observado se confunden.

Mnémosyne é unha rara e intensa proposta que se retroalimenta da súa esencia dual: un proxecto fotográfico e unha performance escénica. O resultado é un ensaio radical, unha viaxe sobre o tempo pensado e compartido desde dous pulsos de composición, experiencia e contemplación. Unha obra de arte total na que o artista escava na propia memoria para ampliar o seu horizonte creativo e facer consciente a quen a visita da impotencia de agarrar o instante e de remover as imaxes que, como o Atlas, levamos ás costas. Unha impresión luminosa desde a que cuestionar o ollar e a propia memoria: Que foi o que vimos? Que foi o que vivimos? Ou mellor: Que foi o que vivimos cando conseguimos ver?

 

Mnémosyne, de Josef Nadj.

Espectáculo
Concepción e interpretación
: Josef Nadj
Luz: Rémi Nicolas
Escenografía e dirección técnica: Sylvain Blocquaux
Música: Peter Vogel, Schubert por Emmanuelle Tat

Exposición

Fotografías e vídeo: Josef Nadj
Colaboración artística: Dudás Szabolcs
Escenografía e deseño de luz: Rémi Nicolas
Molduras: Jean-Pierre-Haie – Atelier Demi-Teinte
Dirección técnica: Sylvain Blocquaux
Produción executiva: Atelier 3+1
Co-produción: Biennale de la Danse Lyon 2018, Centre Choréographique National d’Orléans, La Filature, Scène Nationale-Mulhouse, Le CENTQUA- TRE-Paris.

Teatro Nacional São João do Porto. Mosteiro de São Bento. 19 de xaneiro de 2019.

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xavier Lama |

Xavier Lama gaña o I Premio Laudamuco de textos teatrais

IriaPinheiroAnatomiaSerea |

Faladoiros arredor da ‘Anatomía dunha serea’ de Iria Pinheiro e a violencia obstétrica