in

O FITEI do Porto comeza cun programa dedicado á creación portuguesa

CinderelaLigiaSoares |

O Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI) comeza hoxe coa colaboración co Festival Dias Da Dança (DDD), organizando de mércores a domingo un programa dedicado á creación portuguesa e destinado a programadores internacionais.

O obxectivo da chamada Semana + é concentrar varios espectáculos de danza e teatro para presentar a programadores doutros países –”cerca de 20 artistas nacionais nun programa multidisciplinar”–, aproveitando a celebración dos dous festivais. No texto de presentación asinado polos directores artísticos do DDD e do Teatro Municipal do Porto, Tiago Guedes, e do FITEI, Gonçalo Amorim, explícase que o obxectivo dos cinco días é dar visibilidade e potenciar “a futura circulación nacional e internacional dos proxectos presentados”, a partir do Porto, que consideran terse afirmado “como un punto de pasaxe obrigatoria no panorama artístico contemporáneo”.

A Mala Voadora estrea Dinheiro, un espectáculo que recrea os enredos de series como Dallas ou Dinastia para hiperbolizar “a violencia e a súa estrañeza narrativa”, ao explorar a división entre os bos e os maos. Deste xeito, a peza explora temas como a explotación do petróleo –confrontando quen a leva a cabo cos defensores de causas ecolóxicas– mais tamén outros como a infidelidade, a caza en África ou a compra de crianzas, sobreposto sobre “escenarios idílicos”, e a omnipresente imaxe do diñeiro.

Dinheiro, que se presenta os días 8 e 9 de maio no Auditório Municipal de Gaia, está dirixida por Jorge Andrade e conta con Bruno Huca, Miguel Damião, Joana Bárcia e Isabél Zuaa no elenco, escenografía de José Capela e imaxe de António MV.

Os mesmos días 8 e 9, no espazo da Mala Voadora no Porto, Lígia Soares presenta Cinderela, escrita para Crista Alfaiate e Cláudio da Silva, ao traballar a imaxe e conceptos manexados polos contos de fadas, nomeadamente o amor e o romanticismo.

No teatro Rivoli estará Margem, coreografía de Victor Hugo Pontes, ás 22:00 do mércores, ao tempo que Hugo Cruz presenta Imóvel, a partir dun texto de Regina Guimarães, na Rua Mártires da Liberdade, interpretado o xoves e venres por Margarida Fernandes, Sérgio Anjos, Susana Madeira e Vítor Alves da Silva.

No Teatro do Campo Alegre estréase Dream is the dreamer, creado por Catarina Miranda a partir dunha dramaturxia da propia Miranda e de Jonathan Uliel Saldanha, ás 19:00 do xoves, nunha performance de danza interpretada por André Cabral.

O mesmo dia, no Campo Alegre, preséntase As Práticas Propiciatórias dos Acontecimentos Futuros, de Vera Mantero, antes da estrea de Transgressões, de Maria Belo e Carlos Zíngaro, integrado no programa para o espazo público do DDD (“DDD Out”). Programado na Casa do Infante ás 13:00 do venres o espectáculo –que aborda “o concepto de transgresión e o modo en que o corpo, a música e o son habitan un espazo”– inclúe música, performance e vídeo nunha creación específica para o espazo onde será presentada .


Publicidade

O venres e o sábado poderase ver a estrea de Hip. A pussy point of view, na sala de ensaios do Rivoli, unha obra de Piny, nome artístico de Anaísa Lopes, que cuestiona a hipersexualización do movemento e a obsesión co tamaño, o que é tolerado, o deturpado e o prohibido.

Geocide, da Estrutura, navega polo temas da mobilidade demográfica, do antropoceno, das narrativas distópicas, das visións de futuro apocalípticas, do aceleracionismo, do tecnocentrismo, do poshumano, da biopolítica e da xeopolítica; o xoves e o venres no Teatro Helena Sá e Costa.

Jonathan Uliel Saldanha tamén estrea na Semana + a instalación e performance Broken Fields Atlantis — Drum Corps, interpretada polos percusionistas Marco Duarte e Rui Ribeiro co bailarín Nuno Marques Pinto, o venres e o sábado no subpalco do Rivoli, á que se segue Silent Disco, de Alfredo Martins, no Pérola Negra, este de entrada gratuíta.

O programa contempla tamén a estrea da colaboración entre a coreógrafa Isabel Barros e o músico Vítor Rua, Do silêncio da praça avista-se o nosso terraço de nuvens, ás 13:00 do sábado na Praça D. João I, fronte ao Rivoli.

Ao longo destes cinco días, presentaranse tamén espectáculos como Assombro, da coreógrafa Ana Rita Teodoro, Amores Pós-coloniais, da companhia Hotel Europa, ou Parasomnia, de Patrícia Portela, entre outros.

Ademais dos espetáculos de danza, integrados no DDD, e de teatro, no FITEI, organizarase un debate sobre internacionalización da creación artística, ás 10:30 do xoves no Teatro Nacional São João, ademais dun encontro entre artistas e programadores no Clube Fenianos Portuenses, ás 09:30 do venres.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

IriaPinheiroAnatomiaSerea |

Faladoiros arredor da ‘Anatomía dunha serea’ de Iria Pinheiro e a violencia obstétrica

TeatroBalugasPaoNosso |

O Carballiño acolle o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador