Teatro da Ramboia vén de acadar o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais con O meu Mundo non é deste Reino, “unha proposta de gran coherencia co universo dramático do poeta lugués”, segundo a resolución do xurado. A compañía, formada por María Peinado, Fran Lareu e Anxo García, estreará a obra no próximo mes de novembro con deseño de iluminación de Germán Gundín e técnica de Roi López. A propia María Peinado, directora da montaxe, explícanos en detalle como vai esta nova posta en escena dunha das pezas fundamentais da literatura dramática en lingua galega.
| Ernesto Is |
Cal foi o punto de partida do proxecto?
O proxecto xorde coa vontade de continuar coa experiencia iniciada por Anxo García con Teatro da Ramboia, aló polo 2012. Persegue o obxectivo de xerar un espectáculo multidisciplinar, contrabandeando ideas e imaxes a través das fronteiras existentes entre o teatro de marionetas e outras expresións artísticas. Fran Lareu e eu mesma sumámonos ao equipo coa idea de xerar unha liña de creación que mesture a tradición e a contemporaneidade. Xa traballaramos xuntos os tres noutras ocasións e apetecíanos moito poñer en pé un novo proxecto. Queriamos partir dun autor galego e mentres buscabamos un texto dramático, anunciouse o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Anxo xa coñecía a Farsa de Bululú. Encantounos e pareceunos a oportunidade e o contexto perfecto para afondar en todo o anterior.
O meu Mundo non é deste Reino vai mesturar teatro actoral con monicreques. De que xeito convivirán estas dúas linguaxes na escenificación?
En realidade, a convivencia destas dúas linguaxes en escena non é algo novidoso. Son moitas as compañías de dentro e fóra do país vinculadas ao teatro de obxectos que teñen traballado isto mesmo ao longo da súa traxectoria. O meu Mundo non é deste Reino explorará os límites entre unha linguaxe e outra, tanto a nivel espacial coma interpretativo. O teatriño expándese e os manipuladores asumen distintos roles dentro da propia dramaturxia. Penso que o propio conflito actor-manipulador, lonxe de ser conflitivo, é algo que de feito ofrece moitísimos xogos escénicos. A importancia non reside tanto no como, senón en seguir a incidir no feito de que o teatro de marionetas admite perfectamente esta vertente.
A proposta, dirixida a un amplo abano de público segundo ditaminou o xurado, toma de base, como dixeches, a Farsa de Bululú do autor lucense para parodiar a ditadura franquista. Canto de necesario é o teatro como ferramenta da memoria?
Fundamental. O teatro é un escenario privilexiado non só para transmitir, senón tamén para confrontarnos coa memoria ou, neste caso, coa falta de memoria histórica. O texto de Manuel María, aínda que agochado baixo o veo do bululú, non deixa de ser unha testemuña do vivido durante a ditadura e é, polo tanto, unha peza necesaria. Máis aínda se nos paramos a reflexionar sobre o noxento auxe da extrema dereita en toda Europa e no Estado. Interésanos moito apelar ao publico pre-adulto e a propia comicidade da proposta facilítanos isto. Cremos que son unha peza fundamental na conservación da memoria histórica e que moitas veces non se lle brindan as ferramentas necesarias para adquirir unha consciencia sobre a mesma. Ao fin e o cabo, son o futuro.
A utilización de fantoches nunha sátira coma esta encamiña á montaxe cara un ton marcadamente político?
Podería dicirse que si. Aínda que o que en verdade define a montaxe neste sentido é o propio texto. Os fantoches son o resultado case natural das personaxes construídas por Manuel María. Son unha deconstrución dos mesmos, que ademais de representar o seu rol político, carretarán cos inconvenientes das emocións humanas. Isto mesmo acontece co espectáculo, a pesar de que moitos dos seus temas teñen un marcado carácter político, a montaxe aproveitará as posibles fugas para levar ao público cara outros lugares de identificación.
O premio do certame asegura 26 representacións en diversos concellos de Lugo, Coruña, Pontevedra e Ourense. Esta decisión das entidades organizadoras da convocatoria de apostar pola distribución e non tanto pola produción é un síntoma das dificultades coas que se atopan moitas compañías para chegar ao público?
Si. Cónstame que os responsables da Fundación Manuel María tiveron isto en conta antes de definir a convocatoria. Para min unha decisión moi acertada. Ningún sentido ten unha axuda á produción se despois a compañía non vai poder conseguir funcións. Que unha entidade coma esta teña que escatimar nas axudas á produción para que o proxecto teña saída dentro do marco teatral galego, é un triste reflexo da situación actual. Non deixa de ser unha forma de tecer unha rede de distribución á que as pequenas compañías por si mesmas teñen moi difícil acceso. Algo que non debería ser necesario.
Que busca Teatro da Ramboia ao traer á escena galega actual a dramaturxia de Manuel María?
Apetécenos moito volver a achegar á escena este texto censurado no seu momento pola ditadura franquista, peza gañadora ex aequo do primeiro Premio Abrente. Un texto cun valor sociolóxico innegable que aposta polo humor como transmisor de coñecemento, de ideais e de experiencia. Como ollo crítico e reflexión a un tempo. Hoxe en día os límites do humor están demasiadas veces na palestra. Censurar o humor vai contra a súa propia natureza, sen importar a quen ou a que se parodie. Semella que esta evidencia estaba máis clara cando os Monty Python ou Mel Brooks facían das súas ca na actualidade. Manuel María comprendía moi ben a forza transformadora do humor, quizais por iso escribe en forma de farsa un dos seus textos máis combativos. Pretendemos tecer unha ponte entre aquel momento histórico e o presente e contaxiarnos dese espírito, contaxiar ao espectador sentado na butaca.
A dramaturxia de Manuel María é moi extensa mais tamén é unha gran descoñecida, ensombrecida pola súa faceta poética. Esperemos aportar o noso gran de area á labor que se está a facer pola difusión da súa obra, que sen dúbida merece un lugar sobre as nosas táboas.