Do 17 ao 28 de xullo, a Compagnie du Velours presentará, no Off Avignon, no Théâtre le Vieux Balancier da cidade francesa, unha versión francesa de Raclette, de Santiago Cortegoso, traducida e dirixida por Silvia Rodríguez Abal.
Raclette mereceu o XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da consellería de Cultura (Xunta de Galicia), foi unha das obras gañadoras da I Convocatoria de Teatroautor Exprés 2016 da Fundación SGAE, recibiu o galardón ao Mellor Texto Orixinal nos XXI Premios María Casares do Teatro Galego e foi finalista nos Premios Mondoñedo 10, que escollía a mellor obra de teatro galego da última década.
Ademais, o espectáculo Raclette, levado a escena por Ibuprofeno Teatro e dirixido polo propio Cortegoso, foi candidato aos Premios Max 2017 en catro categorías: Espectáculo de Teatro; Autoría Teatral (para Santiago Cortegoso); Dirección de Escena (para Santiago Cortegoso); e Actriz de Elenco (para Iria Sobrado).
Santiago Cortegoso (Domaio-Moaña, Pontevedra, 1974) compaxina a súa carreira como actor e director de escena coa escrita de textos teatrais nos que trata as cuestións claves que afectan o individuo contemporáneo, con situacións cargadas dun humor acedo e retranqueiro. Coa súa compañía, Ibuprofeno Teatro, estreou Casa O’Rei, Raclette, O Furancho, Pequenos actos pseudorrevolucionarios e A filla de Woody Allen (finalista na categoría Mellor Autor en Galego nos Premios Max 2011). Outros traballos de Cortegoso como autor son: Smoke on the water ou El charco de Ulises.