A meirande parte das reivindicacións do sector diríxense á acción institucional e, especialmente, a Axencia Galega de Industrias Culturais.
O pasado día 21 de xaneiro, o Consello da Cultura Galega celebraba unha xornada coordinada por Natalia Balseiro e Dolores Vilavedra, de debate e pescuda sobre ‘O estado da danza en Galicia’. Agora, o Consello fai públicas as conclusións e os vídeos daquel encontro, coa intención de continuar a análise colectiva da situación.
O documento deixa claro que a meirande parte das reivindicacións do sector se dirixen á acción da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic): recuperar o papel do Centro Coreográfico Galego (CCG) como “núcleo de referencia e promoción da danza, máis alá da mera función de centro de produción de espectáculos”, o seu o mantemento”con recursos suficientes para o cumprimento dos estatutos da Agadic”, o desenvolvemento dun Plan Integral da Danza en diálogo co sector, ou o apoio aos proxectos que xurdan das propias comunidades artísticas con medios suficientes son só algúns dos puntos centrais que recolle o texto.
Ademais, esíxese equilibrio nos orzamentos entre as diferentes disciplinas ás que atende a Agadic, liñas de apoio específicas que garantan a continuidade de proxectos creativos de danza, a convocatoria de axudas para o sector ou a creación dun Centro de Documentación das Artes Escénicas e a recuperación dos materiais xa catalogados e arquivados no seu día.
No ámbito educativo, existen reclamacións unánimes como a creación dun conservatorio ou escola profesional de danza (coa posibilidade de transformar a Escola Superior de Arte Dramática na Escola Superior de Música e Artes Escénicas, aproveitando o impulso que para este proxecto se podería derivar do Campus das Artes da Universidade de Vigo), a creación de conservatorios de grao medio en todas as cidades, ou a incorporación as escolas de ensinanzas artísticas e ás universidades para potenciar a posta en marcha de liñas de investigación neste ámbito.
A danza tradicional, que se presentou como especialmente necesitada de impulso, xera as súas propias reivindicacións: dende o recoñecemento de que unha das funcións do CCG debe ser a creación de puntos de encontro entre a danza tradicional galega e outras linguaxes artísticas ata a promoción da profesionalización dun sector dominado polo amateurismo, dentro dun panorama no que se fala dunhas 20.000 persoas vinculadas ao baile tradicional galego.
O documento completo pode consultarse aquí e os vídeos da xornada, aquí.
No medio da polémica
A xuntanza convocábase nun momento particularmente tenso para o sector: despois de case tres anos co Centro Coreográfico Galego sen produción propia, saltaba a polémica arredor da estrea do que ata o de agora foi o seu último espectáculo, Maestro Rodrigo, unha coprodución na que os profesionais detectaron irregularidades sobre as que pediron explicacións publicamente. A cuestión rematou coa dimisión de Mercedes Suárez como directora da institución, pero a controversia non fixera máis que empezar.
A redución dos orzamentos para o CCG nun 66%, a desaparición do posto de dirección do mesmo e o anuncio de que a danza sería xestionada conxuntamente coa música dentro da nova organización da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), levaron a unha vaga de protestas do sector, que esixiron, entre outras reivindicacións, unha maior atención, o mantemento do orzamento e un Plan Integral da Danza.
Nun principio a Administración reaccionou convocando unha xuntanza para o sector co fin de elaborar o Plan da Danza anunciado no Parlamento polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; mais despois da primeira xuntanza, a Plataforma de Afectados polo Centro Coreográfico Galego, un colectivo que agrupa máis de 277 profesionais, denunciou falta de compromiso da Agadic e reivindicou un marco de condicións mínimas indispensables para a apertura do debate.