in

O Consello da Cultura publica un avance do seu Informe sobre o Teatro Galego

teatro 4649743 960 720 |
O perfil do público galego é o dunha muller, de 30 a 49 anos, con estudos universitarios e con ingresos relativamente altos, urbana e que non convive con nenos. As persoas que acoden ao teatro van con bastante frecuencia, case 7 veces ao ano.

 

O Consello da Cultura Galega decidiu elaborar un estudo sobre os principais colectivos do sistema teatral en Galicia para presentar no I Congreso Internacional do Teatro Galego, programado inicialmente para marzo de 2020, agora posposto para outubro deste mesmo ano.

Os estudos preliminares mostraron a existencia de escasa evidencia empírica sobre as relacións dos principais colectivos implicados. Leváronse a cabo unha serie de reunións con representantes do sector para detectar as necesidades de información que había. O resultado puxo de manifesto que non existía un produto que medise a relación existente entre público, persoas creadoras e axentes, salvo experiencias puntuais e escasamente sistematizadas.

Por isto, o Consello da Cultura Galega aprobou desenvolver unha sondaxe nuns universos definidos previamente co sector do teatro que dese conta da súa realidade. Este informe é un avance de resultados dunha explotación preliminar de tres enquisas executadas entre novembro de 2019 e febreiro de 2020.

Destacamos algunhas cifras deste avance:

Espazos e xestores


Publicidade

  • O perfil das persoas responsables da programación de teatro en Galicia é o dunha muller de 49 anos, funcionaria ou persoal laboral da Administración pública, principalmente do ámbito municipal. No 82% dos espazos estudados as tarefas de programación son levadas a cabo por persoal funcionario ou laboral que debe asumir ademais outras funcións que, en moitas ocasións, son as principais. Só un 10,2% ten dedicación exclusiva a este labor.
  • Predominan os espazos con moi pouco orzamento, posto que só o 16% dos programadores declara que contou cun orzamento de 50.000 € ou máis en 2018.
  • A media de funcións por espazo é máis elevada canto maior é o tamaño poboacional do concello (os valores pasan de 15,5 representacións nos concellos de ata 10.000 habitantes a 35,4 nas vilas de 20.001 a 50.000, para elevarse de forma evidente nas cidades, ata as 85,9). O 43% das funcións programadas ten lugar nos espazos das cidades.
  • O 76,2% das funcións programadas foron en galego. Esta porcentaxe varía notablemente en función do tamaño do concello, pois supoñen o 95,7% das representacións dos concellos máis pequenos, mentres que nas cidades esta porcentaxe é do 49,1%.
  • Por xénero, en 2018 as funcións máis habituais nos espazos analizados foron as de teatro para adultos (45,4%) e as de teatro infantil ou familiar (33,6%).
  • Se ben a maior parte dos espazos se concentran no rural, trátase de recintos pequenos, con capacidades reducidas e que programan moi poucas funcións ao longo do ano, polo que, consecuentemente, reciben poucos espectadores.
  • O 60,3% dos espazos non conta cun sistema de medición da satisfacción do público. Só o 9,5% realiza enquisas de satisfacción. O emprego desas enquisas é máis habitual nos espazos urbanos, pero incluso entre estes só as utiliza o 39,1% dos espazos.

Públicos

  • O perfil do público das artes escénicas en Galicia é maioritariamente o dunha muller (62,5%) de 30 a 49 anos (57,5% das persoas enquisadas) e, en canto ao nivel de estudos, con titulación universitaria (o 57,3% das persoas entrevistadas, cando no conxunto da poboación galega de 16 ou máis anos esta porcentaxe se sitúa arredor de 25%).
  • A maioría do público enquisado reside nunha das sete cidades galegas (48,3%), ao tempo que o 30,8% o fai en concellos de 10.000 a 50.000 habitantes.
  • O 40,1% das persoas enquisadas desprazouse a un concello distinto ao da súa residencia para asistir á función. Esta porcentaxe acada o 54,2% entre as persoas que residen nos concellos semiurbanos, mentres baixa ao 33,6% entre as que viven nas cidades.
  • As persoas entrevistadas acudiron a unha media de 6,7 funcións escénicas ao longo do ano 2018. Atendendo aos datos por treito, o máis habitual é o de entre 2 e 3 funcións ao ano (27,7%), pero tamén destaca a porcentaxe de quen acudiu entre 4 e 6 veces (25,4%), polo que o 53,1% foi espectador de entre dúas e seis funcións nos últimos 12 meses, un 31,9% asistiu a sete ou máis, mentres que un 11,9% só foi ao espectáculo no que foi entrevistado/-a.
  • A media de funcións a que acudiron é lixeiramente máis elevada entre as mulleres (6,9) que entre os homes (6,4). Tamén acoden en maior medida os habitantes canto máis urbano é o seu hábitat (das 5,6 funcións do rural ás 7,1 funcións das cidades). Do mesmo xeito, esa media é máis elevada canto maior é o nivel formativo das persoas entrevistadas (das 4,1 funcións de quen conta só con estudos de primeiro ciclo ás 7,5 funcións de quen ten estudos superiores).
  • Entre as persoas entrevistadas, as funcións en galego de 2018 supuxeron o 59% do total de funcións ás que asistiron. Esa porcentaxe media redúcese canto máis urbano é o hábitat de residencia (do 70,2% de media de quen reside no rural ao 50,4% das funcións vistas por quen reside nas cidades).
  • Con independencia das funcións ás que acudiron, dato en que tamén inflúe a oferta próxima á súa zona de residencia, preguntóuselles ademais polas preferencias en canto á lingua das funcións. O 51,5% do público prefire as funcións en galego, mentres que un 13,8% as prefire en castelán. Un 32,2% amósase indiferente ante a disxuntiva.
  • A preferencia polas obras escénicas en galego é máis elevada canto menor é a idade dos espectadores (do 39,7% de quen ten 65 anos ou máis ao 60,8% de menores de 30) e canto menos urbano é o seu concello de residencia (do 49% das cidades ao 57,3% do rural). En todo caso, é a maioritaria en todos os segmentos analizados.
  • As redes sociais son a canle máis habitual de coñecemento da oferta de espectáculos escénicos (41,7%). Séguenas as recomendacións doutras persoas (32,1%). A moita distancia en termos porcentuais figuran, en terceiro lugar, os folletos ou carteis en sitios públicos (17%) e, en cuarto, as páxinas web (15%).
  • O gasto medio declarado por espectador nos últimos 12 meses en funcións de artes escénicas é de 84,3 euros. O treito de gasto máis habitual foi o de 51 a 100 euros (37,6%). Un 16,8% non pasou dos 20 euros e só un 5,2% gastou máis de 200 euros.
  • Dende a súa óptica como espectadoras, o 38,3% das persoas entrevistadas consideran que unha maior difusión ou publicidade das obras programadas contribuiría positivamente na atracción de máis xente ao teatro. A redución de prezos é o segundo factor máis citado de forma espontánea (20,1%) e, en terceiro lugar, sitúase a aposta pola educación en artes escénicas xa dende o colexio (9,5%).
  • O 86,8% das persoas entrevistadas móstranse bastante ou moi de acordo coa posibilidade de que a xente acudiría máis ao teatro se as funcións contasen con máis publicidade ou difusión; o 66,1% mostra a súa conformidade coa posibilidade de que iso ocorrese por incluír nas programacións funcións con actores ou actrices máis coñecidos e o 60,6% sostén que ese incremento do público se lograría baixando o prezo das entradas. Aínda que con porcentaxes claramente inferiores, tamén supera o 50% a aceptación da idea de que acudiría máis xente ao teatro se a programación incluíse outro tipo de funcións (51,5%).
  • Tanto as instalacións como a programación habitual do espazo no que contestaron á enquisa logran puntuacións medias arredor do notable: as instalacións son puntuadas cun 7,6 na escala do 1 ao 10 e a programación habitual cun 6,9. As instalacións reducen as súas puntuacións medias canto máis rural é o concello onde se atopa o espazo escénico (os valores pasan do 6,8 dos recintos do rural ao 7,71 dos situados nas cidades). A puntuación das programacións tamén baixa nas instalacións dos concellos rurais (6,35).
  • Se os aspectos que cómpre valorar dos espazos escénicos recibían puntuacións de notable, os que teñen que ver coa función acadan claramente o sobresaínte. Así, as persoas entrevistadas xusto despois da función puntuaron aos actores e actrices cunha media de 9,2 puntos (nunha escala do 1 ao 10), sendo este o aspecto mellor valorado. En segundo lugar sitúase a dirección da obra (9,1) e en terceiro a posta en escena (9,0). O argumento non chega ao 9 pero fica igualmente en cualificacións de sobresaínte (8,9). A satisfacción xeral expresada polas persoas asistentes despois das funcións sitúase no 9,1.

Creadores

  • Entre os e as profesionais do teatro que responderon á enquisa, o colectivo máis numeroso é o dos actores e actrices. A moita distancia porcentual, o segundo con maior presenza na mostra é o das persoas dedicadas á dirección. Tras elas sitúanse as persoas responsables das compañías. Completan a mostra persoas dedicadas á docencia ou á investigación de teatro, á produción e distribución, dramaturgos/-as e guionistas e membros da Academia. Evidentemente, unha mesma persoa enquisada pode desempeñar dúas ou máis desas profesións.
  • O perfil resultante da mostra presenta un peso lixeiramente superior de homes (52,4%) que de mulleres (47,6%) e unha idade media de 46 anos (o treito con maior peso porcentual é o das persoas que teñen entre 30 e 49 anos, cun 56%).
  • Ese perfil amosa profesionais cun elevado nivel de formación xeral, pois entre estes predominan con claridade as persoas con titulación universitaria (72,2%). Tamén é maioritaria a formación específica en artes escénicas, xa que só o 4,4% das persoas entrevistadas carecen dese tipo de formación.
  • Unha de cada catro persoas entrevistadas non traballou nin un só mes en 2019 en actividades relacionadas coas artes escénicas; no outro extremo compróbase que o 41,7% traballou neste sector cando menos 10 meses. Moitos destes profesionais non teñen nas artes escénicas a súa única fonte de ingresos: durante o pasado ano só o 31,3% percibiu ingresos salariais unicamente da súa actividade relacionada coas artes escénicas; no polo oposto, o 27% destes profesionais non tivo durante 2019 salario ningún derivado das artes escénicas.
  • Entre quen si percibiu ingresos derivados desta actividade, a porcentaxe redúcese conforme se incrementan as contías, sendo a máis habitual a de ata 900 euros mensuais (34,9%) e a menos frecuente a de máis de 2.400 euros (4%). Polo tanto, só o 36,6% dos enquisados percibiu ingresos mensuais superiores aos 900 euros procedentes da súa actividade como profesional das artes escénicas.
  • Sete de cada dez profesionais das artes escénicas coinciden en sinalar que os espazos galegos adoitan ter carencias de persoal (70,2%) e oito de cada dez detectan carencias técnicas (80,6%).
  • A metade sostén –mediante respostas abertas ou espontáneas– que sería útil mellorar a promoción ou difusión das obras (49,6%). Resulta tamén destacable, pola súa porcentaxe de mención, a suxestión de fomentar o gusto pola cultura e as artes escénicas, en especial mediante a educación xa dende a escola (37,3%), ou a de programar máis ou incrementar a oferta de obras e funcións (26,2%).
  • A afirmación que suscita maior grao de acordo é a que sostén que acudiría máis xente ao teatro se as funcións contasen con máis publicidade ou difusión (93,7%). As demais afirmacións recollen menores porcentaxes de apoio, pero acadan cando menos o 50% as que aseguran que acudiría máis xente ao teatro se a programación incluíse actores ou actrices máis coñecidos (52,8%) ou se incluíse outro tipo de funcións (50%). O acordo é, en cambio, minoritario coas frases que afirman que a xente acudiría máis ao teatro se as entradas fosen máis baratas (19,8%) ou se as funcións fosen noutro horario (13,5%).
  • Se se comparan estes resultados cos obtidos na enquisa ao público, compróbase que tanto profesionais como espectadores coinciden na necesidade de que as obras conten con maior publicidade e difusión, e en que un cambio dos horarios non suporía unha maior afluencia de público, pero discrepan claramente na posible influencia que tería unha baixada de prezos.
  • Segundo as e os profesionais entrevistados, os xéneros escénicos máis demandados polo público son o teatro infantil (70,2%) e o teatro para adultos (61,1%), percepción que vai na liña do sinalado polo público e as persoas responsables dos espazos escénicos entrevistadas nas outras enquisas deste estudo global sobre as artes escénicas en Galicia.
  • As redes sociais, a prensa e a radio son os medios máis empregados para promover e difundir as súas obras (77,8%, 51,6% e 41,3%, respectivamente). Un 12,3% non realiza ningún tipo de promoción ou difusión.
  • O 42,9% das e dos profesionais entrevistados prepara as obras cunha antelación de menos de 3 meses respecto da data de estrea. Esa porcentaxe é do 25,8% se se pensa nun treito de entre 3 e 6 meses. Só un 22,7% manifesta facelo con máis de seis meses de antelación.
  • En canto aos procesos de contratación, o 63,8% das persoas enquisadas pon de manifesto que as obras nas que traballan adoitan ser contratadas con menos de 6 meses de antelación: con menos de 3 meses de antelación (32,5%) ou con entre 3 e 6 meses (31,3%).
  • Aos profesionais entrevistados preguntóuselles de forma espontánea, sen opcións de resposta predefinidas, que aspectos cren que resultan determinantes para que unha obra teña uns bos índices de contratación. As respostas máis habituais recibidas fan alusión ao elenco (54%), á traxectoria e imaxe da compañía (48%), ao xénero (39,7%) e ao caché dos seus profesionais (36,5%).
  • O 30,2% das e dos profesionais entrevistados asegura que nunca recibe información das razóns polas que unha obra na que participa é rexeitada por un espazo escénico. O 22,6% di que recibe tal información “algunhas veces” e o 14,7% que a recibe “habitualmente”. Só o 4% di que a recibe sempre ou case sempre.
  • Só o 8,7% destes profesionais afirma que os espazos escénicos lles remiten sempre ou case sempre información do nivel de satisfacción do público coa súa obra. Recíbea habitualmente o 17,1%.
  • En canto á mellora das canles de relación entre compañías artísticas e responsables da programación nos centros escénicos, a suxestión máis sinalada polos creadores é a de establecer espazos estables de contacto entre responsables da programación e compañías, como potenciar a feira de teatro ou a celebración de congresos, xornadas, mesas redondas… (35,3%). A segunda vía máis apuntada é a da profesionalización da figura de programadores dotándoos de formación específica para o seu labor, logrando que poidan prestar unha dedicación absoluta á programación (22,6%). En terceiro lugar sitúase a necesidade dunha maior accesibilidade ao persoal programador como condición para unha mellor comunicación entre ambas as partes (20,6%).

 

O informe completo pode descargarse aquí.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xunta |

As asociacións profesionais da Cultura remítenlle as súas demandas á Xunta de Galicia

tv 2964103 |

Carta á profesión desde o confín, por Chiqui Pereira