in

Teatros e auditorios só poderán abrir cun terzo do seu aforo habitual

Tui |
Segundo as medidas presentadas onte polo presidente do gobierno central, Pedro Sánchez, os teatros e auditorios poderían volver a abrir na segunda das catro fases marcadas na desescalada. Se todo fose ben e non houbese repuntes nos contaxios, esta apertura podería ter lugar a finais do mes de maio, aínda que cunha limitación de aforo de un terzo da capacidade do recinto e sempre con asignación de butaca. | M. X. |

 

Na fase 1, é dicir, a partir do 11 de maio, será posible celebrar actos culturais de menos de 30 persoas en espazos fechados e con menos de 200 se se trata de recintos ao aire libre, sempre gardando a distancia interpresoal marcada polo Ministerio de Sanidade. Nesta fase tamén se retomará a produción audiovisual e se abrirán os museos coa capacidade reducida a un terzo do aforo.

Durante a segunda fase será cando se poidan celebrar espectáculos culturais cun terzo do aforo habitual. Se son ao aire libre, permitiranse aforos de até 400 persoas, sempre que estean sentadas. Ademais, seguindo estes parámetros, tamén se poderán celebrar os actos e espectáculos culturais dirixidos a menos de 50 persoas en lugares fechados.

Durante a terceira fase, as actividades culturais poderán celebrarse coa metade do aforo.

Existen catro criterios cos que se medirá se unha provincia ou illa poden avanzar á seguinte fase tras as dúas semanas que, como mínimo, durará cada etapa: a capacidade do sistema sanitario, con especial atención á presión asistencial das UCI; a situación epidemiolóxica da zona; as medidas de protección nos espazos públicos; e os datos de mobilidade e socioeconómicos.


Publicidade

O pasado día 17 de abril, as principais entidades do sector das artes escénicas e a música de todo o Estado fixeron público un manifesto conxunto para solicitarlles ás administracións públicas unha interlocución urxente para planificar as medidas necesarias para a reapertura das actividades culturais de concorrencia pública en espazos privados. Nel, non se consideraba viable “ningún tipo de redución de aforo nas actividades de pública concorrencia de teatros, salas de concertos e carpas de circo, xa que as converte automaticamente en insostibles e estigmatiza a nosa actividade como contaxiosa”. No caso de que se aplicasen “rangos de aforo máximos para xerar unha sensación de volta á actividade de xeito progresivo” pedíase que a situación seguise sendo considerada “como causa de Forza Maior, de xeito que as medidas de axuda tanto laborais, sociais, e fiscais deben seguir vixentes”.

Igualmente, as asociacións ofrecíanse “para estudar posibles protocolos (medidas sanitarias e de hixiene) a aplicar de forma temporal que garantan a seguridade de traballadores e público, contando sempre co consenso das autoridades sanitarias e coa axuda da administración”.

Porén, as medidas específicas para a Cultura terán que esperar ao Consello de Ministros do vindeiro día 5, despois de que o goberno central aprazase ata ese día a presentación dun primeiro paquete de medidas para o sector cultural.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Olga Cameselle

No confín de… Olga Cameselle

GaliciaEscenaPro2019 |

A Xunta e a asociación Escena Galega acordan aprazar a celebración do oitavo mercado Galicia Escena PRO