in

A Asociación de Escritores rexeita participar no Plan de Reactivación da Xunta

aelg novo logo11 |
A Asociación de Escritores en Lingua Galega fixo público un comunicado no que critica as medidas do plan de reactivación cultural presentado pola Xunta de Galicia e rexeita participar nel.

 

“Esta posición”, di o comunicado, “emana do convencemento de que estamos ante un plan que non vai redundar en beneficio da cultura galega, nomeadamente da súa literatura e, moi especialmente, das creadoras e creadores en lingua galega”.

Ademais de non compartir as liñas estratéxicas, “pois fan do turismo xacobeo a peza angular dun plan que, deste xeito, só ten de especificamente cultural o nome”, a AELG manifesta o seu “estupor” ante un plan que “expropia as creadoras e creadores dos seus dereitos persoais e patrimoniais sobre a súa obra, ao ser unha cesión de dereitos sen límite de tempo, espazo xeográfico, medio de explotación ou lingua, descoñecendo a diversidade das tipoloxías de proxectos, os dereitos concretos e o seu correcto desenvolvemento”.

Os escritores tamén manifestan a súa incomodidade ante unha estratexia que “só pretende crear un banco de actividades e non aproveita o xa feito, materiais de calidade que aínda poden e deben ser difundidos. Un plan que, aínda por riba, non pon o seu corazón na lingua galega e unha vez máis acode ao plurilingüísimo cando o que precisamos é moito mais galego, moita mais promoción da nosa lingua”, declaran.

Segundo a AELG, o plan da Xunta “obriga aos creadores e creadoras, nunha situación de fraxilidade económica como a actual, a aceptar condicións inaceptábeis no uso da súa lingua e na explotación da súa obra”.


Publicidade

A Asociación, ademais, tamén declara a súa “preocupación” polos premios literarios: “observamos con preocupación algúns acontecementos recentes -quer a desaparición dalgúns certames, quer a diminución nas súas dotacións económicas- que, de confirmarse, debilitan a nosa lingua e a nosa literatura, nunha situación xa de por si feble”; e pídenlles ás institucións implicadas “que actúen na defensa e preservación da nosa lingua e a nosa cultura, no convencemento de que a súa defensa e promoción é un elemento fundamental que contribúe ao ben común e á supervivencia da literatura galega”.

A AELG remata cun chamamento á Consellaría de Cultura e a todas as institucións que inciden neste ámbito, “para que non sexa a literatura e a cultura en lingua galega, outra vez, a peor parada nunha situación de crise”.

Este novo rexeitamento do Plan de Reactivación da Xunta súmase ás doutros profesionais das artes escénicas e do mundo da cultura que xa censuraron o plan de reactivación cultural presentado polo conselleiro de Cultura. A Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de GaliciaAsociación de Actores e Actrices de Galicia, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), a Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva), a Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia, a Asociación Sindical Galega de Guionistas, a Asociación Galega de profesionais da Dirección e Realización ou a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema e varios representantes do mundo das artes escénicas xa fixeron público o seu malestar e decepción polo Plan de Reactivación da Xunta.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Entrega Refeição ao Domicilio |

Viana do Castelo ofrece un servizo de comida a domicilio con arte

Carabela | Galeatro

Volve o teatro con ‘Carabela’, de Galeatro