Quico Cadaval recibirá o Premio Xiria ao Labor Teatral e Mercedes Oliveira, o Premio Mulleres en Acción. | Foto: Pro Light Estudio|
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas confirmou hoxe a súa 37ª edición, que terá lugar na vila do Morrazo do 9 ao 18 de xullo coas actuacións de 10 compañías escénicas galegas, seis chegadas doutras procedencias e diferentes actividades de difusión e formación arredor da compoñente máis lúdica e social do teatro.
A Mostra, organizada desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, cumpre deste xeito o seu encontro anual co público e faino cun aprazamento de varias semanas a respecto das súas datas habituais, coa potenciación do programa de rúa e con todas as adaptacións de espazos e protocolos requiridos no actual contexto de crise sanitaria pola covid-19.
Así o explicou esta mañá no Auditorio Municipal de Cangas o equipo artístico e de xestión responsable do evento, nun acto no que participaron todas as institucións colaboradoras, entre elas a Xunta de Galicia, que estivo representada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.
Estreas galegas
A 37ª Mostra de Cangas contará con 10 espectáculos galegos, tres deles estreas absolutas: Hell Brothers, por CirKompacto; PYKA, de Cinema Sticado, e As boas actrices, da Compañía 3 (Clara Gayo, Mónica Camaño e Arantxa Villar).
A estas propostas súmanse Commedia, de Contraproducións; Guerra de identidade, de DeuVe; Liberto, de Marelas; Só, de Xanpatito Pato; Dúas donas que bailan, de Teatro do Atlántico, e As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste.
O venres 10 interpretarase no Auditorio Municipal a obra Napoleão ou o complexo de Èpico, unha coprodución da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e da portuguesa Compañía do Chapitó. E a semana do 13 de xullo arrincará coa estrea absoluta do espectáculo Hell Brothers, outra coprodución da Mostra, desta vez coa compañía galega Cirkompacto.
Completan o programa Dolce Salato, da italiana Carpa Diem; a coprodución galego-brasileira Circo de Lume, de Asacocirco; a italo-cántabra Punto y Coma, de El Cruce; a madrileña The Primitals, de Producciones Yllana e Primital Bross, e a vasca Tonbola, a cargo de HIKA Teatroa.
Torneo de dramaturxia
A programación inclúe o IV Torneo de Dramaturxia, actividade na que colabora o Centro Dramático Galego e na que competirán María Lado, Roberto Salgueiro, Marta Pérez e Fernando Castro Paredes, con Esther F. Carrodeguas como condutora.
O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote os textos que máis lles teñan gustado para que, de entre as catro pezas participantes, resulte unha soa a gañadora. Un espectáculo teatral, divertido e único que se verá avivado pola participación activa do público.
O pregón inaugural correrá a cargo de Paula Carballeira e os dous galardóns que se outorgan serán para Quico Cadaval (XXXIV Premio Xiria ao Labor Teatral) e para Mercedes Oliveira (Premio Mulleres en Acción).
Actividades paralelas
A programación de Mulleres en Acción, que este ano chega á súa 20ª edición, concentrarase na xornada do sábado 11 de xullo. O salón de plenos don Concello de Cangas acollerá o III Encontro baixo o título A brecha laboral. Mulleres das artes escénicas e audiovisuais antes e despois da pandemia. Esta mesa de traballo centrarase en estudar medidas que axuden a cambiar a inxusta realidade que viven as profesionais do sector, agravada seriamente pola pandemia da Covid-19.
Xa durante a tarde, presentarase Irmandiñas (Edicións Laiovento), de Aurora Marco, un libro que recopila catro anos de traballo que a escritora adicou a buscar o rastro de ducias de mulleres que desenvolveron actividades relevantes vinculadas ás Irmandades da Fala e que foron silenciadas.
Posteriormente, presentarase o libro de Iria Vázquez Silva e Lola Ferreiro Cómplices. A violencia machista institucional (Editorial Galaxia). A través deste libro podemos aproximarnos ao labirinto polo que pasan as mulleres en situación de violencia, analizando as forzas de seguridade, o eido xudicial, os servizos sociais ou o eido sanitario.
O contexto poscovid tamén centrará o encontro de teatro Nova Realidade, para abordar as consecuencias que nesta arte está a ter a crise sanitaria actual. Tamén se celebrará o III Encontro Teatro e Educación no salón de plenos do Concello de Cangas. Nesta ocasión, a xornada levará por título O Teatro como ferramenta pedagóxica na educación Infantil e Primaria.
Colaboración coa erregueté
Ademais, por terceiro ano consecutivo, a erregueté – Revista Galega de Teatro en colaboración coa Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presenta un ciclo de conversas coa creación galega que visita a Mostra en este 2020.
Coa vontade de reforzar as pontes entre público e escena, os encontros terán lugar despois de cada espectáculo:
- O luns 13 de xullo, co equipo artístico de Guerra de identidade.
- O martes 14 de xullo, co equipo artístico de Liberto.
- E o xoves 16 de xullo, co equipo artístico de Dúas donas que bailan.
Entradas por Internet
O director do Auditorio Juan José Pérez, explicou que a situación de pandemia trastocou completamente a dinámica habitual de venda de entradas. Por unha banda, non haberá abonos para asistir a todos os espectáculos da Mostra para que, deste xeito, estean todas as butacas dispoñibles. Nun principio, e sempre dependendo das decisións dos organismos competentes, a Mostra levarase a cabo na ‘nova normalidade’ e a ocupación permitida será do 50%. A venda das entradas estará dispoñible a partir do 24 de xuño.
Precisamente, pola situación excepcional e para ofrecer as máximas garantías de seguridade, a organización da MITCFC recomenda que a compra das entradas se realice a través de internet. “Pedimos un esforzo ao público para que colabore. A ser posible, que ninguén compre entradas na billeteira. Evitemos o papel e as colas”, apunta o director do Auditorio. Juan José Pérez lembra que mercar as entradas a través da web non supón para o afeccionado ao teatro ningún custe a maiores. “Eses gastos, como xa ocorre desde hai anos, corren a conta da organización da Mostra”.
Nesta XXXVII edición, os tradicionais espectáculos de rúa, ao teren que realizarse en espazos acotados e con reserva, van deixar de ser de balde e pasarán a ter un prezo simbólico de 1€. Deste xeito, terás unha butaca preasignada para ver as obras nos distintos emprazamentos ao aire libre.
Limpeza exhaustiva
Durante a celebración da Mostra, o servizo de limpeza habitual vaise duplicar. Unha empresa especializada vaise dedicar a hixienizar todas as butacas que se ocupen con produtos específicos despois de cada actuación. Ademais, antes, durante e despois de cada espectáculo no Auditorio, haberá persoal nas entradas dos baños para controlar que nunca haxa máis de tres persoas dentro e mantelos debidamente desinfectados. As compañías que cheguen para actuar no Auditorio atoparán os camerinos pechados, sellados e perfectamente desinfectados para evitar calquera tipo de contaxio.
A organización da Mostra esixirálle a todo o público que asista aos espectáculos con máscara protectora.