in

Hamlet

Hamlet

Hamlet eran todxs

| Iván Fernández |
| Foto: Companhia do Chapitô |

 

Cando vou ver un clásico deste calibre, sempre me pregunto: “E agora, que? Como vai ser? Que máis se pode ofrecer?”. Penso que é algo que (me) acontece con todos os clásicos, mais, se cadra, máis co Hamlet, peza emblemática e totémica do teatro universal. Ante un texto así, que outra versión, que novo punto de vista se pode ofrecer?

Pero un clásico é un clásico, é un clásico. É dicir, un clásico convértese en “clásico” por algo. Porque sempre, a cada un/hx de nós, tennos algo que achegar. Todxs podemos atopar algo que nos chame, que nos fale e/ou no que nos sentir reflectidxs.

Non é algo novo para a Companhia do Chapitô, quen xa abordaron textos e mitos como os de Medea, Edipo, Napoleón ou Macbeth, do mesmo Shakespeare. Con Hamlet, a compañía formada en Lisboa no 1996 fai unha creación colectiva, unha “inadaptación”, como eles mesmo a chaman. Preséntannos unha reflexión sobre a mentira, a ambición, a vinganza, ou a pantasma da morte a través da cómica invitación a tres celebracións: o funeral do antigo rei; a voda da súa viúva; e a coroación do novo rei, irmán do defunto, que acontecerán de xeito simultáneo.

A proposta escénica non pode ser máis sinxela: escenario espido, pouco xogo de luces e/ou son… Todo descansa nas costas do elenco, uns intérpretes magnificamente adestrados na linguaxe e o traballo corporal, de xeito que fabrican universos, espazos ou sons co uso dos seus corpos e o xogo do movemento. Deste xeito, podemos atopar como unha gravata se converte en arma, en lector de tarxetas e/ou tarxeta de identificación, en pa, en bambán, en tripa. Unha proposta sinxela, mais nada simple, que evidencia a complexidade da lectura e aquilo que nos queren amosar coa mesma.


Publicidade

Se xa semella difícil formular un tipo de proposta baseada na corporeidade, máis podería ser o xogo dramático exposto, no que (case) todxs xs intérpretes pasan por todxs os personaxes. Especialmente, todxs interpretan a Hamlet, de xeito que podemos ver, en escena, como todxs (e todxs nós ao tempo) son/somos Hamlet. Todxs temos pasado pola inxustiza, todxs temos sufrido a mentira, a imposición e a ambición dun/hx outrx. Todxs temos desexado a vinganza. Todxs temos estado no lugar da incerteza, de vernos somerxidos nun mundo no que o destino parece decidir por nós. Ou non?

 

Hamlet, creación colectiva da Companhia do Chapitô

Dirección: José Carlos Garcia, Cláudia Nóvoa e Tiago Viegas
Interpretación: Jorge Cruz, Susana Nunes, Patrícia Ubeda, Ramón de Los Santos/Tiago Viegas
Vestiario: Teresa Machado
Deseño de luces: José Carlos Garcia
Deseño Gráfico: Sílvio Rosado
Fotografía: Sílvio Rosado e Susana Chicó
Vídeo Spot: Joana Domingues ,Bruno Gascon
Pasantes: Carolina Caramelo e Pedro Esteves
Divulgación: Cristina Carvalho e Ana Campos
Operador de luz de Chapitô: Saturnino Rodrigues
Operador de luz en xira: David Florentino / Paulo Cunha
Dirección de produción: Tânia Melo Rodrigues

Auditorio Municipal de Vigo. 24 de outubro de 2020.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Francisco Javier Suárez Lema

O dramaturgo galego Francisco Javier Suárez Lema recibe o Premio LAM de Teatro 2020

Erregueté Revista Galega de Teatro e Artes Escénicas de Galicia

A erregueté chega ao seu número 100