Gañou este certame, convocado pola Fundación SGAE e a Asociación Cultural Visible para textos teatrais de temática LGTBIQ+, coa peza Afuera están los perros.
Francisco Javier Suárez Lema (Corcubión, 1979) vén de gañar o XIV Certame Internacional Leopoldo Alas Mínguez (Premio LAM 2020) que convocan anualmente a Fundación SGAE e a Asociación Cultural Visible co obxectivo de apoiar e estimular a creación de novos textos teatrais que outorguen visibilidade ao colectivo LGTBIQ+. O autor acadou o galardón con Afuera están los perros, un texto sobre dúas mulleres que se aman dende a sombra, mais que sempre envexaron como outros habitaban o espazo público que tamén a elas lles correspondía.
A obra foi escollida entre un total de 86 textos presentados ao concurso. O xurado estivo presidido por Pablo Peinado, presidente da Asociación Cultural Visible, e estaba composto polos seguintes dramaturgos e dramaturgas: Jesús Cracio, Beth Escudé, Victoria Szpunberg e Marcos Gisbert (gañador da anterior edición do certame). O galardón está dotado con 4.000 euros, a publicación da obra na serie editorial da Fundación SGAE e a súa dramatización dentro do Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas.
SOBRE A OBRA
En Afuera están los perros, unha actriz de gran reputación recibe a chamada dun amigo actor que non vía dende había dez anos. No pasado traballaran xuntos nunha serie de películas e o público en xeral pensaba que eran parella. Porén, en realidade, ela tiña unha relación sentimental con outra muller, xa falecida, mais cuxo recordo permanece moi vívido. Aquel amor nunca transcendeu e a chamada deste vello amigo fará que a protagonista se formule divulgar quen é, con quen compartiu a súa vida, a quen quixo realmente.
SOBRE O AUTOR
Francisco Javier Suárez Lema, nado en Corcubión (A Coruña) en 1979, é psicólogo e dramaturgo. A súa obra Siveria xa fora distinguida cunha Mención de Honor no Premio LAM (2015); Gertrude Stein no es el nombre de un piano gañou o Premio Internacional Iberescena (2016); Arde ya la yedra (editado en galego no nº 95 da erregueté) obtivo o Premi Born entre máis de 250 aspirantes (2017); e 165 canciones foi seleccionada para o Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas (2018).
SOBRE O PREMIO
O Premio LAM leva o nome do escritor e xornalista rioxano Leopoldo Alas Mínguez, falecido en Madrid en 2008; un recoñecido intelectual moi comprometido co activismo e la cultura LGTBIQ+.
GIPHY App Key not set. Please check settings