Arrinca a segunda edición do Festival Virtual do Libro de Galicia, FLIV, que se desenvolverá esta fin de semana. Ao longo dos tres días ofreceranse unha trintena de actividades relacionadas coa cultura. Ademais, mañá, sábado 27, coincidindo co Día Internacional do Teatro, o mundo escénico terá participación con dúas citas destacadas. Nesta edición, a sección Teatro Interruptus desenvolverase a partir dos textos da colección de Dramaturxia Contemporánea da erregueté | Revista Galega de Teatro, lidos polas súas propias autoras e autores.
Nela estarán as últimas pezas publicadas: Materna, de Xesús Pisón (no nº 100); Resaca, de Tito Asorey e Ana Carreira (no nº 99); Tráfico, de Carlos Santiago (nº 99); 30 e tantos ósos, de Teté García, Diana Mera e Merche Pérez (no nº 97); Os señores do tempo, de Zé Paredes (no nº 96); Habitada, de Olívia Pena (no nº 96) e Arquivos de Arquivos de realidade, de Francisco Oti e Julio Fer (no nº 94). Ademais, a actriz Casilda Alfaro, membro do consello editorial da revista, lerá un fragmento de María Soliña, de Xosé Manuel Pazos, publicado no número 18 da revista, en lembranza á súa figura e ao seu traballo como dramaturgo e tradutor.
Xosé Manuel Pazos foi un autor e tradutor moi prolífico. Na revista, ademais de María Soliña, publicou tamén as súas pezas Tres exercicios para café-teatro (no nº 45); Ida e volta (no nº 58), e unha das Micropezas do nº 76. Ademais, foi o tradutor de Lexión, de Juan Mayorga (no número 16); Holliday Aut., postal de amor, de Itziar Pascual (no nº 21); de Memoria, de Yolanda Pallín (no nº 24); d’A balada do cárcere de Circe, de Elena Cánovas, Rubén Cobos e Juan Carlos Talavera (no nº 26); d’As voces de Penélope, de Itziar Pascual (no nº 31); e d’Os vivos e os mortos, de Ignacio García May (no nº 37).
A segunda cita escénica desta edición é unha mesa redonda que, baixo o título “Ser actor é cousa de homes”, debaterá arredor de cales son as vantaxes e problemas de ser actor e galego desde as opinións de Monti Castiñeiras, Fran Lareu e Óscar Allo.
No FLIV estarán presentes tamén as celebracións literarias deste 2021 arredor das figuras de Emilia Pardo Bazán, Xela Arias e Álvaro Cunqueiro, e contidos arredor dos xéneros lírico e narrativo. Ademais, a situación da cultura desde a pandemia forma tamén parte inevitable dos argumentos desta edición do festival. Sobre como está e sobre que iniciativas son posibles arrincará o domingo pola tarde ás oito e media un debate entre expertos da creación e a promoción cultural baixo o título “Cultura segura, cultura resiliente”, no que participarán Anna R. Figueiredo, María Armesto, Camilo Franco, Maribel Tato e Anxo Lorenzo, que pechará o festival.
Por outra beira, a crítica e o seu labor serán o argumento dunha mesa redonda que se emitirá tamén o domingo pola tarde, ás sete, xusto antes do debate anterior, na que falarán Inma López Silva, Xina Vega, Afonso Becerra e Manuel Forcadela.
Esta segunda edición da FLIV contará con sistema operativo similar á primeira edición, que tivo lugar en xuño de 2020. O festival poderá seguirse a través do portal aloxado en www.fliv.gal. Neste enderezo celebraranse as actividades nos seus distintos formatos: charla, mesa redonda, conversa ou debate, as presentacións de libros por parte das respectivas editoras a través dos seus representantes e tamén as intervencións teatrais. A codirectora do festival, Anna R. Figueiredo sinala a oportunidade dunha cita virtual: “nun momento no que a meirande parte dos actos culturais seguen a contar cun aforo limitado, ofértase a información do que pasou no mundo cultural, o que acontece e o que se agarda, a disposición xeral no portal virtual e durante un ano natural”.
Pódese consultar aquí o programa completo.