O mercado galego de artes escénicas volve do 7 ao 10 de xuño tralo parón ocasionado pola COVID-19. A edición de 2021 adoptará un formato mixto e dirixirase unicamente aos representantes de entidades, compañías e programacións formalmente acreditados. O prazo de inscrición de propostas artísticas estará aberto ata o vindeiro 20 de abril a través da web www.galiciaescenapro.com
A oitava edición do mercado das artes escénicas Galicia Escena PRO, organizada por Escena Galega e a AGADIC, terá lugar en diferentes espazos de Santiago de Compostela do 7 ao 10 de xuño. Desta volta, e segundo explican desde a organización, a programación non estará aberta ao público xeral, senón que se dirixirá exclusivamente aos profesionais inscritos para garantir o cumprimento das medidas contra a COVID-19. Ao tempo, teranse en conta para o seu deseño os espectáculos producidos nas dúas últimas temporadas, para dar así cabida a aqueles títulos que viron dificultada a súa chegada ao público por mor da situación sanitaria.
O mercado abriu hoxe, e ata o vindeiro 20 de abril ás 15.00 h., o prazo de presentación de propostas cara á configuración do seu programa de exhibición que, como en edicións anteriores, incluirá tanto espectáculos en formato completo como os proxectos que as compañías avanzarán nas sesións de pitching. O rexistro debe realizarse a través dos formularios en liña da web www.galiciaescenapro.gal.
Tras a finalización do prazo, unha comisión artística nomeada por Escena Galega e integrada por profesionais do sector será a encargada de seleccionar as producións e proxectos que lle darán forma á carteleira deste ano. O seu obxectivo será ofrecer unha programación variada, na que se primará tanto a calidade como o equilibrio entre as diferentes disciplinas artísticas: teatro, danza, maxia e novo circo.
Información completa e inscricións: https://galiciaescenapro.gal/