Un conto de outono
Con máis de 40 anos de experiencia teatral ás súas costas, Sarabela Teatro precisa de pouca presentación. Compañía histórica da escena galega, defende o seu compromiso co teatro como coa vida mesma. A propia directora, Ánxeles Cuña, define o traballo de Sarabela con palabras como “bo”, “vivo”, “arriscado”, “contemporáneo”, “coherente”, “con rigor”, “autocrítica”, “responsabilidade”, “resistencia”… E eu sinto que estas palabras se poden aplicar á vida mesma.
Con A lingua das bolboretas, Sarabela continúa unha liña de propostas baseada na adaptación ao teatro de textos narrativos, como poden ser o Ensaio sobre a cegueira de Saramago, a Viaxe a ningunha parte de Fernando Fernán Gómez, A esmorga de Blanco Amor ou O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas, autor tamén d’A lingua das bolboretas. É esta unha liña que converxe, porén, con outras propostas teatrais máis clásicas (Shakespeare, Cunqueiro, Lorca, Calderón) e renovadoras (Lagarce, Mrózek, Nöstlinger, Arístides Vargas), sen esquecer o teatro infantil. Compoñen así un amplo abano de propostas, das máis completas que podemos atopar no panorama galego.
Como acontece na citada O lapis do carpinteiro, con A lingua das bolboretas visitamos a nosa memoria histórica. Nesta ocasión, a través dos ollos dun neno que asiste ao momento do alzamento militar contra o goberno lexítimo da III República e a inmediata represión de todos os que puideran traballar con ela, como o mesmo mestre de aldea ao que tanto admira este neno, interpretado con dozura por Josito Porto.
É esta mirada de neno, coa súa inocencia e ilusión, a que marca o estilo da peza, que por momentos semella un conto (e en concreto, un conto de outono), envolta nun aire onírico ao que contribúen os efectos ilusionistas que nos levan á noite, ao pesadelo ou ao cambio de estación.
Con todo, este conto de outono ten a súa parte terrorífica, no encontro coa miseria humana e a hipocrisía, escusada baixo o medo á morte ou á represalia, e que tan ben reflicte a actitude violenta do pai contra do mestre, querendo así tapar o seu pasado republicano (enterrado xa).
A lingua das bolboretas é un espectáculo delicado e tratado con agarimo. Cóntanos unha historia de crueldade e sen razón, ou a viaxe do conto cara ao pesadelo da realidade. Non só aparece esta reflexión na realidade que vive o pequeno protagonista, encarnado por un tenro Fernando Dacosta, senón tamén a través da historia da “tola das bonecas” (unha Fina Calleja en amplo dominio do seu rexistro): historia da muller maltratada pola vida que conxuga a súa necesidade de cariño na colección dunha serie de bonecas. Bonecas que, curiosamente, non poden ver o mundo que as rodea porque carecen de ollos.
Este agarimo apréciase na atención posta nos detalles, algo que abrangue dende a escenografía (que firma o mesmo director da peza, Gonçalo Guerreiro, reafirmando así o seu momento onírico logo de firmar a montaxe de Dreaming Juliet para Elefante Elegante), á música e o espazo sonoro, ao estilo interpretativo ou ao coidado tratamento da luz (que firma Baltasar Patiño), cun momento sublime nunha noite escura chea de vagalumes.
Con todo, ao meu parecer é unha viaxe contada a medias. Se ben é certo que o centro da fábula está colocado nos ollos e experiencia do fillo, a importancia que se lle dá ao aire de conto fai que perdamos a perspectiva de “viaxe vital” que percorre a novela, así como matices en certos personaxes. Se cadra o mellor exemplo sexa a mesma historia tráxica do mestre, ao que vemos máis apuntado ca definido, ficando máis preto do símbolo ca do “mestre” que amosa unha nova realidade a un rapaz que está a descubrir o que é a vida. É algo que acontece con tódolos personaxes, que aparecen e desaparecen da historia a favor da atmosfera, unha aposta interesante, que fai que a peza tire cara ao pictórico, cara á paisaxe, pero que resta do dramático.
Esa atmosfera regala momentos inesquecíbeis, como o personaxe da varredora que interpreta Elena Seijo e a coreografía que acompaña á caída da folla, ou as aparicións da xa mencionada “tola das bonecas”. Hai moito traballo nas transicións, que se alongan e converten en propostas en si mesmas, así como na caracterización e cambio de personaxes, como o xogo que fan os actores Fran Lareu e Sabela Gago pasando de interpretar os pais do protagonista a compañeiros de escola, por exemplo.
A lingua das bolboretas é unha trompa como a que teñen os elefantes, e pola que zugan o néctar das flores, do mesmo xeito que nós zugamos experiencias e momentos para sumar á nosa vida. Esta Lingua das bolboretas está agora mesmo en xira, e poderémola ver durante o mes de maio polos teatros e auditorios de Cee (15), Muros (22) ou O Barco (28).