Os responsables do Centro Dramático Galego tiveron que activar os protocolos por COVID tras o positivo dun dos membros do equipo, segundo informaron o martes pola tarde nas súas redes sociais. Esta situación supón a cancelación da última semana de funcións de Terceiro Acto, montaxe de produción propia que estaba a acadar enorme éxito de público e crítica.
Dende a institución de creación e difusión teatral, subliñan que os protocolos de control e as medidas aplicadas para espectáculos teatrais funcionaron e ningún outro profesional deu positivo nos controis realizados. Todos seguirán agora as pautas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias.
As medidas de distancia interpersoal, a ventilación e o uso de máscaras, sinalan dende o CDG, evitan o contacto estreito de artistas e equipo técnico co público. O proceso de devolución do importe das entradas xa adquiridas realizarase a través das canles de venda habituais. Os espectadores poderán ver a peza na próxima edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
A montaxe está dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, da compañía Teatro en Vilo, e ten como elenco a Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha Tatán.
Terceiro acto é a segunda das tres pezas de produción propia do CDG para o 2021, xunto c’O charco de Ulises, xa estreada, e Serva me, servabo te, aínda por estrear. Estaba prevista ata o 16 de maio no Salón Teatro de Santiago cunhas 30 funcións programadas de mércores a domingo.