in , ,

O FIOT acolle as xornadas profesionais de Escena Galega

Xornadas profesionais Escena Galega

Escena Galega recupera este ano as súas xornadas profesionais despois da parada brusca na actividade habitual da asociación que supuxo a crise derivada da pandemia. Para iso, artellou un marco de colaboración co Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo, para volver crear un foro dirixido a compartir coñecementos, crear sinerxías e explorar novas posibilidades para a mellora transversal do sector escénico profesional galego.

O encontro, que se celebrará o xoves 14 de outubro, no salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo (rúa do Pan, s/n), en horario de 9.30 a 18.30 horas, centrarase en abordar algúns dos retos que afrontou o sector dentro da postpandemia, nunha crise sanitaria, social, económica e cultural que supuxo o maior e máis rápido cambio nas dinámicas sectoriais e na relación cos públicos das últimas décadas.

Por unha banda, atenderase ao que pasou, repasando desde distintas perspectivas (Administración pública, compañías), todo o referente ás estratexias implementadas para o mantemento do sector, tentando sacar conclusións e posibilidades das cuestións positivas que poden quedar destas.

En relación cos públicos farase un achegamento á necesidade de recuperar, potenciar e artellar, dende un punto de vista aglutinante e de colaboración entre o sector e o eido educativo, novos proxectos de artes escénicas que poñan en relación ás artes escénicas coa escola.

Ademais, por vez primeira, as xornadas achegaranse tamén á actualidade do eido da danza e as artes do movemento e de como (re)activar este tamén dende unha perspectiva global, atendendo non só á creación e circulación de espectáculos senón tamén á formación, promoción do talento e posta ao dispor de espazos e recursos para a acción escénica.

As xornadas estarán estruturadas en dous grandes bloques, sendo a actividade en horario de mañá de exposición e debate colectivo e a quenda de tarde de dinámicas de traballo sobre os temas propostos, co obxectivo de chegar en cada caso a unha pequena batería de conclusións.


Publicidade

Pódese asistir ás xornadas enviando un correo electrónico a [email protected] co asunto “Inscrición xornadas profesionais” e indicando nome completo/teléfono de contacto/relación co sector das artes escénicas ata o mércores 13 de outubro ás 14.00 h. 

[3d-flip-book id="23300" ][/3d-flip-book]

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FIOT

Primeira finde no FIOT de Carballo

AGADIC

Agadic abre o proceso para a coprodución de ‘Relato para un incendio’