O certame consiste na presentación de pezas teatrais curtas que centren a súa temática arredor da memoria histórica. O prazo de presentación remata o día 30 de novembro de 2021.
A segunda edición do certame ‘Microteatro da Memoria’ xa está en marcha trala sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) e o Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, e o novo director da ESAD de Galicia, Roberto Relova, renovaron o compromiso deste certame co que buscan “facer memoria” e abordar a nosa historia “desde unha perspectiva de xénero, país e clase”, segundo palabras das entidades convocantes.
A nova edición de ‘Microteatro da Memoria’ toma o relevo do certame do ano pasado, que, segundo explicou María Ortega, foi todo un éxito xa que “foron moitas as persoas alumnas e ex alumnas da ESADg as que presentaron as súas pezas a concurso”. Concretamente, foi unha ex alumna a gañadora da primeira edición deste certame: Ana Abad de Larriva, subdirectora da erregueté | Revista Galega de Teatro, coa peza Un biolo na noite.
II certame ‘Microteatro da Memoria’
Poderá presentarse calquera persoa que así o desexe.
AS PEZAS E O PREMIO
Pezas curtas en lingua galega, estilo libre, temática sobre a memoria histórica. Un único premio dotado con 500 €.
PRAZO E PRESENTACIÓN
O prazo de presentación remata o día 30 de novembro de 2021.
A presentación das pezas é telemática, enviándoas ao correo electrónico [email protected] dentro do prazo establecido (ata as 24h do 30 de novembro de 2021). No correo irán dous documentos. Un será a peza co título, sen que conste a autoría da mesma, e o outro a plica onde figuren o título da peza e os datos persoais da autoría (nome e apelidos, DNI, enderezo postal, enderezo electrónico e número de teléfono). No asunto do correo indicarase “II Certame Microteatro da Memoria 2021”. O tipo de letra Arial tamaño 12 cun interliñado de 1.5.
XURADO
O xurado estará conformado pola/o Xefa/e do Servizo de Dinamización da Lingua Galega da ESAD ou persoa en que delegue, unha/un docente da ESAD e unha persoa que designe a Deputación de Pontevedra.
DIFUSIÓN E DEREITOS DE AUTORÍA
A ESAD de Galicia disporá da peza gañadora para uso escénico durante o ano seguinte ao desta convocatoria, sempre no ámbito académico e sen prexuízo doutras cesións de uso, se así o decide a autoría.
PROTECCIÓN DE DATOS
Contémplanse ao abeiro dos regulamentos a ese respecto (Lei Orgánica do 5 de Decembro do 2018 sobre a protección de datos).
A participación no certame supón a total aceptación das bases, así como das decisións e valoracións que poidan adoptar as entidades organizadoras e o xurado.
⇓ BASES Microteatro da memoria