Esta fin de semana estréanse tres das coproducións de danza que a Agadic desenvolve a través do Centro Coreográfico Galego. Ademais da presentación de Credo, de Nova Galega de Danza, hoxe nas Pontes de García Rodríguez, o Colectivo Glovo estrea tamén hoxe Tabú, ás 20.30 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, e Javier Martín exhibirá mañá en Oleiros, tamén ás 20.30 horas, Figuras do limiar, na que será a súa presentación en Galicia tras ver a luz o pasado 12 de novembro no Teatro El Musical de Valencia.
Ademais, o 22 de decembro subirá a escena na Coruña a peza Nó, da compañía Elahood, coa que se completarán as estreas das seis pezas coproducidas polo Centro Coreográfico Galego a través das convocatorias de 2020 e 2021. Os outros dous títulos apoiados −Festina lente, de VACAburra, e Tres tristes tigres 2.0, de Cía. Kirenia Danza− xa comezaron o seu percorrido hai uns meses.
As pezas
Credo fai referencia á viaxe interior que supón o Camiño de Santiago mediante unha peza que combina a música orixinal de Sergio Moure coas coreografías de Díaz, unindo na mesma liña conceptual os cruceiros de pedra que se atopan na paisaxe galega do percorrido xacobeo. O corpo de danza está composto por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez. Completan o equipo artístico desta coprodución Iván Villar −recente premio Max ao mellor bailarín pola súa interpretación en Leira, anterior espectáculo da compañía− como axudante de dirección, Xan Domínguez e Fernando Outañón a cargo dos textos e da dramaturxia, a voz de Alba Moura, o vestiario de Erika Oubiña ou o son de Alberto Beade.
No caso do Colectivo Glovo, a beleza e as interrogantes sobre a historia dunha imaxe do Arquivo Municipal de Allariz, na que que se retrata un equipo de fútbol feminino en 1925, serviron de punto de partida para a construción de Tabú, que mergulla nas travesías emprendidas por mulleres pioneiras. Esther Latorre e Hugo Pereira dirixen o espectáculo, que interpretan xunto a Sybila Gutiérrez, Clara Ferrão e Fran Martínez. A artista e dj Babykatze asina espazo sonoro e o vestiario está realizado en colaboración con Adolfo Domínguez.
Pola súa banda, Figuras do limiar, a nova proposta do coreógrafo e performer Javier Martín parte da idea de tránsito que deriva da experiencia de cruzar o limiar e repara, entre outras fontes, no propio acervo cultural galego e nalgunhas das súas figuras espectrais, desde a Santa Compaña ata os diversos personaxes do entroido, como o Peliqueiro ou a Pantalla. Nelas inspírase para construír os sete cadros que conforman o espectáculo. O deseño do concepto, o movemento e os espazos de Figuras do limiar son do propio Javier Martín, que conta coa iluminación de Octavio Más, o son de Abul Mogard, Philip Jeck e Leyland Kirby, a produción e acompañamento de Sabela Mendoza, a técnica visual de Juanma Lodo, o vestiario de Cremallera Studio, Álvaro M. Leiro e Centro Coreográfico Galego, e o apoio audiovisual de Leo López.