in

Sara Rey gaña o II Premio de Microteatro da Memoria

sara Rey Seoane |
Sara Rey. Imaxe de @luciar_

A directora de escena e dramaturga Sara Rey é a gañadora do II Premio de Microteatro da Memoria, convocado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola de Arte Dramática de Galicia coa peza A patente do sol. O xurado destacou a obra entre os traballos presentados pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente, a súa carga emocional e tamén a súa viabilidade escénica.

A peza destaca “un aspecto histórico descoñecido, como é o da epidemia da polio, así como as marcas físicas da posguerra desde a perspectiva da poboación civil”. Segundo a propia autora, trátase dunha peza de “autoficción” posto que xurde a raíz da reflexión sobre as secuelas da enfermidade que tivera o seu pai cando era cativo e da análise da xestión da epidemia durante a ditadura, que non prestou atención ás persoas enfermas.

O Premio, dotado con 500 euros, foi concedido por un xurado formado pola escritora Eva Mejuto; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; e o xefe do departamento de Dirección escénica e dramaturxia da ESAD de Galicia, Dani Salgado. Valorouse que a peza “axuda a reflexionar sobre a memoria cunha ollada desde o presente. Establece unha conexión coa actualidade. Alterna partes de narración directa e outras de diálogo e na parte máis narrativa o discurso implica unha carga emocional, sen caer no sentimentalismo”.

Tamén se destacou que desde o contexto da actual pandemia “se lembre outra situación semellante, que foi neglixentemente xestionada e silenciada”, ademais da súa viabilidade escénica, xa que tanto o tema como o seu tratamento permiten múltiples solucións.

O galardón foi comunicado á autora pola deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, quen quixo subliñar a calidade da peza, que supón unha boa continuación para a traxectoria do certame, que este ano cumpre a súa segunda edición, tras a primeira, que gañou o ano pasado Ana Abad de Larriva coa peza Un biolo na noite.


Publicidade

O Premio de Microteatro da Memoria’ da Deputación e a ESAD naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á memoria histórica a través de novos formatos e novas linguaxes máis eficaces na comunicación interxeracional. A gañadora Sara Rey, é unha coruñesa afincada en Vigo que comezou moi pequena no mundo do teatro. O seu futuro nas artes escénicas encamiñouse na adolescencia grazas á Compañía de Teatro Noite Bohemia da Coruña, onde ademais de actuar tivo a posibilidade de escribir e dirixir a súa primeira peza, unha adaptación do mito do xuízo de Paris que quedou finalista no X Concurso Nacional de Teatro Clásico Grecolatino (MEC) cando tiña 19 anos.

Estudou Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e ao rematar fixo as probas para a ESAD de Galicia na especialidade de Dirección de Escena e Dramaturxia, na que actualmente cursa o cuarto e último ano. Nestes anos de formación traballou como axudante de produción na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e este ano como axudante de dirección de Tito Asorey na montaxe A lúa vai encuberta, das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante.

XURADO PREMIO MEMORIA ESAD |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

La Scortecata

La Scortecata

caixa de mistos |

A Sala Ártika acolle a sétima entrega do festival Pequeártiko