A Mensaxe para o Día Internacional da Danza 2022 foi encargada, polo Comité Internacional da Danza do Instituto Internacional do Teatro, á directora do Ballet Nacional de Corea e bailarina principal do Ballet de Stuttgart, Sue Jin Kang (Seúl, 1967).
“A catástrofe da Covid-19 detivo a vida libre tal e como a coñeciamos e estar no medio desta traxedia fainos repensar o significado de “danza” e “danzantes”. Nun pasado afastado, a danza era un medio primordial de expresión e comunicación a través dos xestos, converténdose nunha arte escénica que conmovía a alma e inspiraba ao público. É unha arte momentánea que é difícil de recuperar á súa forma orixinal unha vez rematada porque está creada con todo o corpo e a alma. A danza está formada por momentos efémeros, que predestina aos danzantes a estar en constante movemento. Non obstante, a Covid-19 restrinxiu e mesmo bloqueou a arte da danza na súa forma orixinal.
Aínda que a situación mellora, as actuacións de danza seguen suxeitas a moitas restricións. Isto fainos atesourar os preciosos recordos dos tempos nos que a danza e os danzantes brillaban como xoias e iluminaban o mundo, transmitindo a angustia e a ansiedade humana, a vontade e a esperanza de vivir.
Do mesmo xeito, é importante lembrar que nunha das diferentes réplicas da Peste Negra xurdida na Europa medieval, o 28 de xuño de 1841, estreouse na Ópera de París o ballet ‘Giselle’, representando o amor máis aló da morte, e recibiu unha resposta explosiva. Desde entón, “Giselle” interpretouse en toda Europa e en todo o mundo para consolar e elevar as almas da humanidade devastada pola pandemia. Esa é a miña forma de entender ‘Giselle’, como demostrou dende a súa primeira actuación: é o magnífico espírito dunha bailarina que tenta fuxir da gravidade das penurias que asolan o mundo.
O público solitario e canso ten sede da simpatía e do consolo dos bailaríns. Como bailaríns, cremos que bater as ás dá esperanza aos corazóns dos que aman a arte da danza e dálles coraxe para superar esta pandemia. O meu corazón xa comeza a latexar.”