in

A Agadic abre a convocatoria para tres coproducións de danza co Centro Coreográfico Galego

Festina Lente
'Festina lente'. Fotografía de Iria Casal

A Xunta de Galicia, a través da Agadic, vén de publicar a convocatoria do proceso de selección de tres espectáculos de danza, en calquera das súas modalidades, dentro do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego. Dispón para este fin dun orzamento máximo de 54.000 euros, establecéndose un límite de 18.000 euros por proxecto.

Segundo as bases dispoñibles na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, a iniciativa diríxese a profesionais e empresas dedicadas de xeito profesional á produción escénica, que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia. A achega económica materializarase a través de cadanseu contrato de coprodución e non poderá superar o 80 % do orzamento total do proxecto presentado. As propostas beneficiarias poderán dispoñer, así mesmo, da sala de ensaios da sede do Centro Coreográfico na Coruña.

O prazo de solicitude deu comezo hoxe, coincidindo co Día Internacional da Danza, e estenderase durante 20 días naturais, mentres que o de execución será de 12 meses desde a sinatura do contrato. Neste período deberá levarse a cabo un mínimo de dúas representacións do espectáculo, ademais da súa función de estrea.


Publicidade

Unha comisión será a encargada de valorar as solicitudes, de acordo cun baremo de puntuacións que se aplicarán ás memorias tanto do proxecto como da traxectoria profesional do seu equipo artístico e que terá en conta tamén a porcentaxe económica solicitada sobre o orzamento total.

O obxectivo deste programa de coproducións, promovido por sexto ano consecutivo a través dunha convocatoria pública, é “favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno”. Con tal fin, nestes anos contribuíuse á produción dunha quincena de espectáculos como Nó, da compañía Elahood; Credo, de Nova Galega de Danza; Tabú, de Colectivo Glovo; Festina lente, de Andrea Quintana; Tres tristes 2.0, de Kirenia Danza, ou Umbral, de Javier Martín.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sue Jin Kang.International Theatre Institute ITI - World Organization for the Performing Arts

Mensaxe para o Día Internacional da Danza 2022

O raro é que bailar sexa raro

O Teatro Principal de Santiago acolle ‘O raro é que bailar sexa raro’ no Día Internacional da Danza