Imaxe de Rosiña Rojo | MIT Ribadavia
in ,

AMA. La terrible belleza | 38ª MIT Ribadavia

Ser ou non ser un monicreque

Reconectar coa beleza de ser humanos. Así podería definirse a peza da compañía Marie de Jongh coa que se pechou a 38ª edición da MIT de Ribadavia. Unha MIT que comezou curiosamente cun Hamlet que reivindicaba exactamente o mesmo: o dereito de todas as persoas a seren recoñecidas como iguais, como humanas, coa beleza que cada unha delas pode achegar ao mundo compartindo o que pode ofrecer dende o seu corazón.

AMA. La terrible belleza é unha interxección muda dirixida ao público coa intención de abanealo por dentro mentres permanecen inmóbiles nas súas butacas. Unha obra que apela ás emocións, á familia, a aprender a amarnos os uns aos outros, a convivir na diferenza, a cambiar… e todo iso sen facer uso nin da palabra, nin das miradas, nin dos sorrisos, nin das caras de tristeza… Só a través da linguaxe corporal, da luz, da música, dos obxectos, das persoas marionetas en escena.

A primeira vista, atopámonos cun escenario que promete grandes imaxes, ao conformarse nunha estrutura de tres paredes negras translúcidas que recollen o espazo e a visión do público nun abanico que se abre dende a parede do fondo con dous laterais xirados 45º diverxendo dende o centro. Unha porta central e dúas laterais dende as que os 7 compoñentes do coro que conforman a peza entran en escena e, xuntos nun só ente, móstrannos as súas caras: mulleres, homes,… diversas idades… Con cambios entre luz e escuridade estas caras humanas vanse cubrindo coas chamadas máscaras-cero deseñadas polo autor e director da peza Jokin Oregi, ata acabar todos con elas e facerse o escuro do que xurdirá a luz e o primeiro cadro-escena da peza.

As máscaras son o elemento máis rechamante e de maior forza narrativa desta obra, precisamente polo que non din, polo que non expresan. Unhas máscaras sen ollos, nariz, boca; para eliminar a expresión psicolóxica desas persoas. Un xeito de deshumanizalas para mostrar o tema tabú do “coidado” das persoas maiores e dependentes, esas que tantas familias ven como unha carga que non poden asumir, polo tempo e coidados que precisan. Porque, tal e como se nos mostra na peza, as veces estamos tan pechados en nós mesmos e nos nosos proxectos, que todo o que non sexa nós e sexa os demais non sabemos como xestionalo.

A historia comeza in media res cunha anciá e un ancián sentados xuntos, en cadeiras, xunto a parede dereita do escenario, mentres que na esquerda, tamén sentados, sobre cubos de pintura brancos, están un señor e unha rapaza. No centro atópase un andamio negro con rodas e cunha almofada e edredón branco na plataforma inferior do mesmo. Contrasta o negro da envolvente chan-paredes-andamio co branco dos lenzos e os cubos de pintura baleiros; pois somérxennos psicoloxicamente nun espazo “escuro” que transmite desasosego. Por iso, sorpréndenos ao avanzar a historia descubrir que o dito espazo é unha vivenda/estudo de pintura e que os personaxes que o habitan son unha familia; pois nun principio parecen máis ben os anciáns e coidadores dunha residencia.

A peza vertébrase sobre a linguaxe xestual e as accións físicas sen precisar do texto (non sendo en pequenas proxeccións de apoio) para entender as relacións interpersoais e os conflitos que se dan entre estes catro personaxes principais da obra, ao realizar accións corporais moi claras e ilustrativas que se apoian dos recursos da repetición e acumulación das mesmas, para que o público poida descodificalas sen perder o fío argumental da obra. É certo que o fío narrativo-xestual da peza se complementa con achegas poéticas cargadas de expresividade que escapan do real e entran no campo do onírico, do fantástico; como no caso dos lenzos brancos que parecen moverse sós pola escena, ou os personaxes “terribles” vestidos de negro con cabezas con forma de nebulosas amorfas (onde non se aprecian onde comezan e rematan o pregos das mesmas). Estes personaxes que podemos chamar “terribles” entran en escena regularmente para xerar tensión dramática ao sumarse á luz e músicas tenebrosas que os acompañan e que nos remiten aos nosos propios medos: as inseguridades, o descoñecido, a escuridade, a fraxilidade, a morte, a loucura, o noso lado escuro… Esas pantasmas que queren afastar con alcohol ou pastillas, pero que de cada vez volven con máis forza e adicción; ata que ao final da peza parecen atopar unha solución para convivir con eles; ou para que desaparezan: dende o amor e vendo estes descoñecidos “terribles” baixo o prisma de seren algo belo. Un final que pode parecer pretensioso polo xeito en que se resolve o conflito principal da peza, se non sabemos que a intención da compañía na súa traxectoria é facer teatro de adultos para nenos e teatro de nenos para adultos, coma é o caso desta peza. Unha solución de final de conto de nenos con ensinanza incluída: AMA.


Publicidade

As máscaras tamén axudan a reforzar este concepto de teatro de nenos para adultos, pois parece que esteamos vendo debuxos animados ou un espectáculo de monicreques de tamaño humano. Ademais, isto refórzase no momento en que os actores e actrices que fan dos personaxes “terribles” de traxe e máscara negras se transforman nunha especie de doutores de bata branca sen máscara que entran en escena para manipular ou interactuar cos “personaxes bonecos” e mesmo con bonecos réplica dos mesmos. Humanos manipulando bonecos e bonecos manipulando humanos, como na única escena onde a filla aparece humanizada sen máscara e chorando, no momento que baixo a miña opinión é o de maior forza emotiva da obra; e onde os bonecos chegan e volven poñerlle a súa máscara-cero xunto coa súa capa e casco de heroína clásica, para protexela dos perigos do mundo dos adultos e que siga a vivir no seu mundo de fantasía infantil.

Os recursos estilísticos son moi potentes no visual e están acompañados de músicas emotivas de ton transcendental naquelas escenas nas que queren remover as nosas emocións e tocarnos coa historia; moitas veces rematando e remarcando ditos momentos con tableaux vivants corais que confiren á escena unha atmosfera que remite a algo sobrenatural, épico. De aí que non é casualidade que se utilice o recurso do coro en momentos sinalados para transmitir a heroicidade da historia que se está a contar: a historia de persoas comúns con dificultades comúns que teñen dous camiños para enfrontalas: a través do individualismo egoísta ou a través da unión baseada no amor e respecto entre persoas. E disto vai a obra, de aprender a facelo deste segundo xeito.

Non sei ata que grao se cumpre a expectativa que Jokin Oregi ten sobre o efecto buscado desta obra no público: “me encantaría que la gente se sintiera, al salir de la función, comprendida y cuidada”. No meu caso, sentín que había momentos cativadores na peza nos que conectaba cos personaxes, sentindo empatía debido á resonancia que provocaban no meu ser; como o momento no que a nai anciá colle en brazos a marioneta réplica do seu fillo adulto para recordar o seu tempo de mocidade cando el era un neno, ou o momento en que o fillo adulto se atopa en escena co seu dobre neno (vestido coma el) para que o neno lle ensine ao adulto aquilo que este esqueceu sobre o significado de vivir a vida dende o desfrute, de que é un xogo, de que ten que ser divertida.

Escenas ou cadros desta índole poético-ilustrativa van tecendo toda a dramaturxia baixo esta estética e plasticidade visual que nos cativan grazas á excelente técnica interpretativa xestual dos seus intérpretes, acompañados polo resto dos elementos do dispositivo escénico. Porén, creo que falla algo na dramaturxia da peza debido á dilatación do tempo no tramo final da mesma; cando todos os recursos interpretativos, escénicos e narrativos quedan dalgún xeito esgotados. Tiña a sensación de que xa recibira a historia completa co inicio-nó-desenlace, pero o momento dos aplausos non chegaba; e “o final” continuaba como se dun novo inicio se tratase; caendo moitísimo o ritmo precisamente no último cadro da peza, cando o fillo ensina ao seu pai ancián a camiñar só, ao ser unha escena de ton pausado no que agardamos pacientemente os pequenos pasos do camiñar do pai sabendo que ten que chegar á cadeira para sentarse, supoñendo que con esta última fazaña e remate a obra pechándose o círculo no que se inverten os papeis sobre o coidado “proxenitores a fillos” polo de “fillos a proxenitores”.

Aínda que a última escena foi moi emotiva e resume á perfección a intención que se amosa no título da obra, para min perdeu forza ao chegar a ela nun estado de esgotamento mental, pois require de gran esforzo e concentración procesar tantos detalles corporais, cenestésicos, simbólicos, metafóricos, poéticos,… sen a axuda das cómodas palabras ás que estamos habituados normalmente, e que tan fácil nós penetran e nós levan a tantos enganos na retórica da vida real. Porén, esta é unha peza que amosa sen filtros, sen maquillaxe verbal, a verdade das accións físicas dos corpos. Na vida non hai palabras que poidan cambiar a realidade dunha acción de maltrato, dun abrazo sentido, do amor… AMA. La terrible belleza ofrécenos unha lección de vida a través das accións físicas fidedignas do elenco “familiar” da compañía Marie de Jongh.

Ama. La terrible belleza, da compañía Marie de Jongh.

Autoría e dirección: Jokin Oregi
Visión Externa: Pablo Messiez
Asistente dirección: Ana Meabe
Intérpretes: Javier Renobales, Ana Isabel Martínez, Anduriña Zurutuza, Maitane Serralde, Amets Ibarra, Joseba Uribarri e Jokin Oregi
Deseño do espazo escénico: Elisa Sanz e Ikerne Giménez
Iluminación: Felipe Ramos
Son / música: Adrián García de los Ojos
Indumentaria-caracterización: Inmaculada Gómez

MIT Ribadavia. Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia. 24 de xullo de 2022.

David Rodas González

David Rodas González

Actor e creador escénico. Titulado superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia na especialidade de interpretación xestual. Na súa traxectoria combina a docencia coa investigación e a experimentación escénica, incorporando tamén a súa paixón pola fotografía e tratamento do espazo (en relación á súa experiencia previa no eido da arquitectura). É un colaborador asiduo nas obras de Ana Abad de Larriva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Conservando memoria 6 |

Conservando memoria | 38ª MIT Ribadavia

The Globe Theatre Londres

Desde Londres