in ,

Conservando memoria | 38ª MIT Ribadavia

Conservando memoria 6 |
Imaxe de Rosiña Rojo | MIT de Ribadavia

A importancia do recordo

A xornada de peche da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, acolleu unha función de Conservando memoria, de El Patio Teatro, na Igrexa da Madalena. Esta peza, escrita e dirixida polos dous integrantes da compañía, Izaskun Fernández e Julián Sáenz-López, e interpretada por Izaskun, é unha homenaxe aos (seus) avós e avoas. É tamén, como ela mesma expresou nalgunha entrevista, “unha declaración de amor a unha xeración que marcha”; unha xeración que marcha deixando tras de si un abrazo morno, un cheiro a casa, un gusto a terra.

Trátase dunha proposta que xera un espazo acolledor, de pequeno formato e cun aire moi artesanal, que se centra nos pequenos detalles dos obxectos e na maxia do recordo. Como nos di Izaskun en escena, a peza procura “atopar as mulleres e homes que se agochan detrás dos seus avós”. Créase unha atmosfera cálida, íntima, nese amosarnos a maxia do cotián, nese atopar o extraordinario nas pequenas cousas, nos pequenos detalles das persoas que queremos e que nos queren, nas cousas simples, que ao final acaban sendo as máis importantes. A peza aborda a busca das raíces, o afondar na árbore xenealóxica, nas persoas da familia que nos precederon e nas que nos deron a man cando chegamos ao mundo. É un traballo moi sensorial, tanto visualmente, pola propia concepción do espazo, como pola manipulación dos obxectos e a súa poética, polo espazo sonoro e tamén pola propia palabra, que nos leva ao gusto e ao cheiro das conservas caseiras, que nos transporta á horta, cun ton emotivo aínda que sen caer no sentimentalismo.


Publicidade

A memoria adoita ser fuxidía, e máis co paso dos anos, e El Patio Teatro fai en Conservando memoria un fermoso rito para honrar a vida e para gardar a memoria viva dos avós de Izaskun, para que siga vivindo ao longo do tempo, e toca especialmente a quen coñeceu os seus avós e avoas e compartiu moito con eles e elas e a quen aínda ten algún avó ou avoa vivo, movéndonos a compartir máis tempo con elas ou eles para conservar nós tamén o seu recordo. É, xa que logo, un traballo que fala do medo á morte e ao esquecemento, pero sobre todo un canto á vida, á memoria e ao amor.

Conservando memoria, de El Patio Teatro

Autoría e dirección: Izaskun Fernández e Julián Sáenz-López
Intérpretes: Izaskun Fernández
Deseño do espazo escénico e iluminación: Izaskun Fernández e Julián Sáenz-López
Son / música: Diversos autores

Indumentaria-caracterización: Izaskun Fernández e Julián Sáenz-López

MIT de Ribadavia. Igrexa da Madalena de Ribadavia, 24 de xullo de 2022.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Programación Festaclown. Programación Festiclown de Vilagarcía

A programación do Festaclown 2022 converte Vilagarcía nunha carpa de circo

AMA 01 |

AMA. La terrible belleza | 38ª MIT Ribadavia