O Festival Internacional Galicreques celebrará a súa 27ª edición entre o 8 e o 16 de outubro cun total 60 funcións. A edición de 2022 supón un crecemento relevante para o que é un dos principais festivais de monicreques de Galicia, contando con 26 compañías procedentes de oito países, o que afianza o seu papel internacional.
A programación do Galicreques 2022 repartirase en diversos escenarios, centros socioculturais, rúas e prazas de Santiago de Compostela. “Recuperamos todo o vigor da programación escolar tras dous anos de restricións, seguimos a afondar na descentralización ao espallar as funcións por barrios, rúas e centros socioculturais e apostamos por un programa específico para o público adulto”, afirma Jorge Rey, director de Galicreques.
Organizado pola Asociación Barriga Verde, o Galicreques conta co apoio e patrocinio de institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura, Iberescena e a Fundación SGAE.
Programación do Galicreques para adultos
Como gran novidade da edición, o Galicreques pon en marcha o programa ‘Cara Bé. Todo ten outra cara’, que servirá para identificar as obras que están destinadas para o público adulto. Deste xeito, Galicreques procurará “minimizar a idea preconcibida” de que o xénero dos monicreques só está destinado á cativada, cando a realidade e a historia deste tipo de teatro interpela dende sempre “todo tipo de espectadores e idades”, afirma Rey.
Este programa inclúe citas como o Cabaré Cara BÉ, que se celebrará o venres 14 ás 22.00 h. nun dos espazos emblemáticos de Galicreques: a tradicional Carpa da Alameda de Santiago. Este recinto, que acollerá funcións e diversas actividades dende o primeiro día do festival, será o escenario para o espectáculo de variétes no que intervirán compañías e artistas que actuarán ao longo do Galicreques.
Cinco estreas no Galicreques 2022
Galicreques ofreceralle ao público compostelán cinco estreas absolutas. Entre elas, destaca o espectáculo Tolo, coprodución da compañía galega Cinema Sticado e da turca Tiyatro Eksen co Centro Dramático Galego (CDG) que servirá de clausura ao festival o domingo 16 no Teatro Principal, e Treboada, a nova proposta que a formación franco-galega Nauta dará a coñecer pola zona vella de Santiago este domingo ás 12.00 h. Tamén será novo os espectáculos dos portuguesas de Caricata, que actuarán con Mil e uma o sábado 15 no Teatro Principal
O quinteto de estreas complétase co especial sobre Carapuchiña Vermella que as narradoras galegas Olga Abad, Raquel Queizas e Carmen Domech representarán por vez primeira na Carpa da Alameda o mércores 12 ás 12.00 horas e ás 18.00 h e coa nova proposta da compañía Mircrormina Teatro, Raio The Loubicán o sábado 8 ás 19.00 h. tamén na carpa.
Dende Arxentina, Uruguai e Perú chegarán as obras inéditas no continente europeo. Así os uruguaios de Coriolis presentaranlle ao público do Galicreques dúas producións: Trapos, pensada para a cativada, e Pasos Largos, destinada ao público adulto. Pola súa banda, a formación peruana Hugo e Inés, con integrantes procedentes tamén de Bosnia, actuarán no festival coa súa obra Miniaturas. Os arxentinos de Tres Tigres Teatro interpretarán a peza ¿Qué hacemos con Ubú? e os de Lotitere ofrecerán Culuti.
Premio de Honra para os monicreques arxentinos
A compañía arxentina Tres Tigres Teatro recibe neste 2022 o Premio de Honra Galicreques. Radicada na cidade de Córdoba, a formación profesional está composta por María Nella Ferrez, Carolina Vaca Narvaja, Jorge Pico Fernández e Delia Perotti. Este cuarteto de artistas fundou no ano 1995 Tres Tigres Teatro, agrupación que procura construír un espazo onde o humano, a emoción e a maxia teatral son fontes inesgotables da creación colectiva. A súa traxectoria e a súa creación escénica abranguen o teatro, o teatro de monicreques, a música e o eido educativo, cun especial interese na visión comunitaria e de servizo da arte.
En Galicreques este ano, Tres Tigres Teatro presentarán a xa citada obra ¿Qué hacemos con Ubú? Con esta peza, a formación arxentina participará no programa escolar, que incluirá 12 funcións e que se desenvolverán ao longo da semana lectiva que vai do 10 ao 14 de outubro. O cartel de representacións para centros de ensino estenderase máis aló das marxes do festival ao ofrecer tres obras na Fundación SGAE entre o luns 17 e o mércores 19.