O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática, ESAD, de Galicia veñen de lanzar a terceira edición do Certame de Microteatro da Memoria, un premio que deu satisfactorios resultados en ambas entidades pola súa boa acollida entre a xente moza e pola calidade dos traballos presentados nas dúas anteriores edicións. Na primeira, a peza gañadora foi Un biolo na noite, de Ana Abad de Larriva; e na segunda foino A patente do sol, de Sara Rey Seoane.
Nesta ocasión, o acordo de colaboración para o desenvolvemento da nova anualidade foi ratificado nun encontro pola deputada de Lingua María Ortega, o director da ESAD Roberto Relova, e pola responsable do Servizo de Dinamización da Lingua Galega da escola, Imna López Silva.
Segundo lembra a deputada María Ortega, o certame de microteatro de memoria “ten como finalidade que a poboación en xeral, e a mocidade en particular, reflexione sobre a historia a través de propostas de carácter escénico en formato breve, e que a dramaturxia sexa así ferramenta para visualizar un relato por moito tempo esquecido”.
Poderá optar ao premio calquera persoa, sen límite de idade, que presente un traballo escrito en lingua galega dunha extensión máxima de dez páxinas. A temática terá que ter relación coa memoria histórica, sendo válido calquera texto que sirva para dar a coñecer a sociedade previa ao golpe de estado, as circunstancias do golpe, a ditadura, a represión, a resistencia ou a propia transmisión da memoria.
Os textos deberán ser compatíbeis cos valores democráticos, quedando excluído, conforme á lexislación vixente, calquera que faga apoloxía da ditadura ou de valores antidemocráticos como o machismo, a xenofobia,a transfobia, o clasismo, etc.
O premio, ao igual que nos anteriores exercicios, estará dotado con 500 euros destinados á peza escollida polo xurado. Este estará conformado pola persoa responsable do Servizo de Dinamización da Lingua Galega da ESAD ou en quen delegue; unha persoa do equipo docente da ESAD e outra designada pola Deputación de Pontevedra.
A ESAD de Galicia disporá da peza gañadora para uso escénico durante un ano a contar a partir da data do fallo do xurado, sempre no ámbito académico e sen prexuízo doutras cesións de uso se así o decide a persoa responsable da súa autoría.
A presentación das pezas será telemática, enviándoas ao correo electrónico [email protected]. No correo deberán enviarse dous documentos. Un levará a peza co título, sen que conste nel a autoría da mesma. No outro incluirase o título da peza e os datos persoais da persoa autora (nome e apelidos, DNI, enderezo postal, enderezo electrónico e número de teléfono). O prazo máximo para a presentación de obras será o 30 de xaneiro de 2023 e admitirase só unha solicitude por cada persoa participante.