Como poden establecer pontes as diferentes xeracións das artes escénicas galegas para coñecerse, traballar xuntas e colaborar para impulsar a mellora do sector? O 24 de xullo de 2022 celebrouse en Ribadavia o I Encontro Interxeracional das Artes Escénicas de Galicia no patio interior do Museo Etnolóxico, dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro, MIT.
Eu foi convidada polo festival a moderar esta xuntanza na que participaron, por unha banda, profesionais con traxectorias longas e completas: Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Casilda Alfaro, Eduardo Alonso e Jorge Rey; e por outra banda, profesionais dunha xeración máis nova: Carlota Mosquera, Diego Chamizo e Sergio Marey. Faltou Helena Salgueiro, que no último momento non puido acompañarnos.
Abriuse a sesión lembrando o labor da Agrupación Cultural Abrente e as Mostras de Teatro Abrente e o paso do testemuño delas á MIT, que en 2022 quixo reforzar a súa compoñente de espazo de encontro xuntando profesionais de diferentes idades, momentos e circunstancias do teatro galego, para coñecerse, compartir experiencias e aprendizaxes, inquedanzas e necesidades, e establecer unhas posibles liñas de acción para impulsar a relación interxeracional nas artes escénicas galegas, as cales recollo neste artigo.
Creación de espazos de encontro e debate
Dende a banda veterana, debuxouse un breve panorama da construción e da evolución histórica do sector, dende os anos 70, en que se empezou a imaxinar, e nos que tivo moita importancia a cuestión política; ata os anos 80, en que se empezou a construír, e se produciu a súa evolución posterior; para entendermos de onde vén o que agora temos e que pasos se deron, que funcionou, que materias seguen pendentes. A Tatán chamáballe a atención que entre eles si que tiveran relación, profesional en diferentes proxectos, e política, na súa reclamación da dignidade para o teatro; algo que reforzaron Casilda, Eduardo e Jorge, falando de iniciativas pioneiras (compañías, unións de compañías, institucións…). Ademais, destacaron que neses primeiros anos se debatía moito e as iniciativas nacían froito deses debates, como o propio CDG, algo que hoxe en día se perdeu bastante; “o nacemento profesional galego bebe moito diso, dos debates, das análises…”, explicou Eduardo. Jorge fixo fincapé tamén en como o teatro independente galego se construíu a partir dun espírito de colaboración
Nesa liña, todas as persoas participantes coincidiron na importancia que tería xerar máis espazos de encontro e debate. Para Carlota, a relación coas xeracións maiores tamén axudaría moito ás novas creadoras a resolver dúbidas, e a saber como prepararse e como integrarse no sector, como crear e colaborar… E tamén sinalou que contribuiría a que se enriquecesen as dúas partes a xeración de contextos para o encontro non necesariamente enfocados a xerar un produto comercial, como acontece no teatro amador.
Enriquecemento da formación
En relación co anterior, abordouse tamén a cuestión da formación. As persoas con máis experiencia destacaron que a súa formación se conformou a partir da propia curiosidade e da propia necesidade, pero tamén da oferta formativa á que ían tendo acceso. Casilda explicou que a ela lle axudou moito ir atopando novos referentes, así como “facer, facer moito teatro, facer moitos cursos e obradoiros aquí e alá, e ler moito”.
Tatán explicou que dende a súa xeración sempre tentaron “manter viva a chama da formación”, algo que cre que lles favoreceu para poder facer espectáculos, “a base de moitísima ilusión, cando era moi difícil”; aínda que esa formación se deu a saltos. Por iso, el recoñeceu que lle producía “unha envexa tremenda” ver as novas xeracións, que puideron formarse xa na ESAD de Galicia, dun xeito continuado e “nunhas condicións moito mellores” cás que tiveron eles.
Carlota manifestou sentirse “honrada e agradecida” polo que tiveron que loitar esas xeracións pioneiras, e así como que sente envexa delas, por vivir o que viviron, nesa época de “potencia do discurso”, fronte á actual “potencia da forma”. Cre que estudar na ESAD de Galicia “non garante unha formación no oficio, e pode parecer que si”. Ela está a traballar agora para aprender os diferentes oficios que existen no mundo teatral, para ter unha formación máis completa e global, e pensa que loitar por ese espírito que tiñan as xeracións máis veteranas é algo que ao mellor non se fomenta porque parece que o temos todo: “como xa temos a ESAD de Galicia, pensamos que xa non temos que construíla, e paréceme un erro”.
Diego apuntou que a ESAD de Galicia ten moi poucos anos e que quizais por iso naceu “con esa orientación máis academicista” e “precisa seguir evolucionando e seguir traballando para que a formación que recibe o alumnado sexa cada vez de maior calidade”. Aínda así, expresou que a el lle abriu os ollos a todo o que podía facer e o que podía atopar como creador, e que el agradecía moito á Escola o feito de ofrecerlle tamén a posibilidade de participar no Proxecto NÓS/NOUS.
Impulso de prácticas, ensaios abertos e insercións
A partir desa mención por parte de Diego ao proxecto internacional NÓS/NOUS, que permite aos alumnos e alumnas que están a piques de rematar os seus estudos superiores en Arte Dramática traballar con creadores en activo de recoñecida traxectoria, co fin de profesionalizarse e internacionalizarse, o debate levouse a como se podería levar algo así ao propio contexto profesional galego, e de maneira máis estendida, para que o alumnado poida coñecer o traballo de profesionais que están en activo nas diferentes áreas. O apoio a esta proposta foi unánime, e propúxose que se poidan facer prácticas ou insercións de alumnos e alumnas en compañías xa establecidas, e que se poida tamén asistir a ensaios abertos, non de maneira puntual, senón máis completa, de xeito que se poidan coñecer mellor os procesos de creación e ensaio. Jorge quixo engadir que sería interesante ademais que se fixese un achegamento ao traballo de compañías que traballen xéneros, linguaxes e estéticas diferentes, para que o alumnado se enriqueza adquirindo referentes e referencias variadas.
A respecto disto, Eduardo expresou que o encaixe das escolas superiores de Arte Dramática adoita levar consigo procesos “complexos e conflitivos, e non sempre resoltos”, ao que non contribúe “a lexislación educativa que existe no país”, en canto a que “non permite que na escola dean cursos profesionais en activo”. Segundo el, eses cursos ou obradoiros enriquecerían a formación e reforzarían a relación entre a Escola e o sector, o que permitiría tamén que creadores ou creadoras en activo puidesen coñecer e contar logo con alumnos ou alumnas da Escola para os seus proxectos, o que favorecería que as novas xeracións que saen da Escola “se incorporen con posibilidades e dun xeito fluído á profesión”.
Sergio, pola súa banda, falou de como na súa formación no eido da moda, un campo que adoita ser máis individualista e elitista, a el non lle falaran do campo do figurinismo para artes escénicas e da posibilidade de traballar nun equipo de creación escénica, de maneira colectiva. Dende que descubriu a posibilidade de figurinismo para artes escénicas, quixo orientarse nesa dirección, e tamén sentiu o pulo de explorar a instalación e a performance. Así mesmo, montou unha galería en Lugo, porque quería que a xente nova do mundo da arte bebese do teatro e quería empezar a xerar conexións entre eles. Falou da súa experiencia á fronte do proxecto LabCareixa, que o ano pasado uniu a varias artistas de diferentes áreas para poñer en escena un texto de Luísa Villalta, coa vontade de achegar a xente nova ao teatro, e no que contaron con varios profesionais das artes escénicas con ampla traxectoria, para que asesorasen as rapazas e rapaces participantes, fomentándose o diálogo interxeracional.
El cre que é fundamental achegar as artes escénicas á xente nova interesada na arte e na creación, para que coñezan o que se está a facer aquí en Galicia, e que poidan establecer sinerxías con este campo: “Vou moitas veces ao teatro nas que son a única persoa nova, e é algo que me frustra moitísimo, porque en Galicia hai un potencial grandísimo e vexo cousas que son impresionantes. Quero que a xente nova vexa que pode facer cousas aquí, que non ten que ir fóra para facelas, que en Galicia tamén poden facer cousas contemporáneas”.
Ao peche da sesión, Tatán quixo facer fincapé na importancia de que se coñezan estas liñas de acción que se esbozaron para que poidan ser tidas en conta por parte das institucións, compañías, asociacións… Aquí quedan, coa vontade de que poidan servir de punto de partida para outros encontros e para outras accións que impulsen un cambio.