A Xunta abre a convocatoria das axudas a salas privadas de artes escénicas e incrementa o investimento en máis dun 33% respecto a 2022. Un total de 200.000 euros para impulsar a estabilidade no desenvolvemento da programación profesional por parte das salas privadas galegas.
As bases introducen unha definición máis axustada do tipo de entidades que poden optar a estas subvencións, dirixidas a profesionais autónomos ou persoas xurídicas privadas xestoras de salas de artes escénicas e posuidoras da correspondente licenza de apertura, sempre que os espazos non teñan unha capacidade superior ás 150 localidades e tiveran realizado un mínimo de 50 funcións durante 2022, fronte ás 30 esixidas na convocatoria anterior.
Cada unha das entidades subvencionadas poderá obter unha axuda máxima de 75.000 euros, cun límite do 75% do gasto subvencionable. A contía recibida destinarase a gastos vinculados á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministros ou gastos correntes. Neste último caso, aumenta tamén a porcentaxe subvencionable respecto ao límite do 10% das convocatorias anteriores.
O prazo para a presentación das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta estenderase ata o vindeiro 27 de febreiro. A súa concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva a partir da avaliación dunha comisión nomeada para tal fin, que terá en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2022. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, son outras das cuestións que se valorarán, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos, entre outros.