O Centro Dramático Galego estrea este xoves día 9 en Santiago de Compostela Shakespeare en Roma, un achegamento inédito e singular ás catro pezas que o gran dramaturgo inglés ambientou no Imperio Romano (Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico), condensadas en pouco máis de dúas horas a partir de catro olladas dramatúrxicas diferentes e levadas a escena por outros tantos equipos de dirección cun mesmo elenco de oito intérpretes.
O Salón Nobre do Pazo de Fonseca en Santiago, se transforma ata o 2 de abril en escenario teatral para acoller as 39 funcións da montaxe. Grazas a unha colaboración institucional coa Universidade de Santiago, o CDG emprega este emblemático espazo para os ensaios e as representacións de Shakespeare en Roma, así como o desenvolvemento de diferentes accións de divulgación cultural arredor desta proposta para o alumnado universitario.
Oito intérpretes para 47 personaxes
Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado poñen en escena os 47 personaxes desta proposta, desenvolvida a partir das dramaturxias creadas ex profeso polo autor ucraíno Volodymyr Snegurchenko para Coriolano e as galegas Ana Carreira para Xulio César, Ana Abad de Larriva para Antonio e Cleopatra e Lorena Conde para Tito Andrónico. Rui Madeira dirixe a versión de Coriolano, María Barcala e Xúlio Lago a de Xulio César, Sara Rey a de Antonio e Cleopatra e Quico Cadaval a de Tito Andrónico.
Pola súa banda, o dúo Saturna asina o deseño de vestiario; Xosé Lois Romero, o espazo sonoro, e Juanjo Amado, a iluminación, mentres que Keka Losada e José Díaz encárganse respectivamente da asistencia de dirección e de produción.
Coa elección dun espazo non convencional para Shakespeare en Roma, o Centro Dramático Galego enfronta un importante reto artístico e técnico para imbuír o público no ambiente e o espírito dos orixinais asinados polo británico. Desenvolveuse con tal fin unha posta en escena de proximidade, na que os espectadores se disporán nas cadeiras do Salón Nobre a modo de Senado romano. Ademais, o Pazo de Fonseca contribuirá a trasladalos ao tempo histórico no que se escribiron e se estrearon por vez primeira estas obras.
Coa guerra de Ucraína como pano de fondo, a montaxe do Centro Dramático Galego conecta o presente, o período isabelino e a Roma clásica para propoñer unha reflexión sobre a recorrencia dos conflitos bélicos, a violencia e a loita polo poder. Estes tres factores guían o destino dos personaxes de Shakespeare en Roma, co foco posto nalgúns dos secundarios presentes nos catro textos.
Autobuses para ver a Shakespeare
Con Shakespeare en Roma, a compañía pública continúa avanzando tamén na mobilidade, a través da posta a disposición de transporte a Santiago desde distintos concellos galegos co programa #Sobeaobusdoteatro, ao tempo que na inclusión como liñas básicas de servizo público. Así, en Fonseca manteranse as funcións descontraídas dos mércores, nas que as representacións lévanse a cabo nunha atmosfera máis relaxada do habitual para facilitar a asistencia ao teatro e a comodidade de persoas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais ou sensoriais.
As entradas para o novo espectáculo do Centro Dramático Galego, todas elas programadas ás 19,00 h., poden adquirise por adiantado na web www.entradasataquilla.com a un prezo de 10 euros, sobre o que se aplican os descontos habituais, e de 6 euros para os domingos, día do espectador. Instalarase, ademais, un despacho de billetes no Pazo de Fonseca, que abrirá ao público unha hora antes do comezo das representacións.