in

Síbaris

O teatro póstumo

Foto Síbaris Domingo Villar
'Síbaris'. Fotos de Marcos Martínez e María Gutiérrez.

Estreouse en Vigo Síbaris, a única peza escrita para o teatro polo novelista Domingo Villar, falecido de xeito súbito hai un ano e coñecido creador do detective galego Leo Caldas, quen viviu as súas aventuras en novelas de tanto éxito como Ollos de auga ou A praia dos afogados.

Única incursión no teatro escrito por mor da súa desaparición, xa que parece que a intención do autor era comezar a xogar con este xénero, creando para a ocasión un entretemento escénico.

Como ben afirma a mesma Inma López Silva no prólogo da peza, editada por Galaxia ao mesmo tempo que a estrea teatral, Síbaris é unha comedia e, máis aínda, unha comedia de salón, con trazas de comedia negra.

Asistimos a unha trama onde un escritor famoso, de nome tan “saramontielesco” como Víctor Morel, atópase sumido nunha crise creativa logo de publicar a que semella ser unha obra mestra. Unha crise que se estende ao plano económico, estando el e máis a súa parella tan afogados que non son quen de pagarlle a matrícula universitaria á súa filla. A todo isto únese outra crise que é a da parella protagonista e que iremos descubrindo segundo avance a acción. Mais non acaban aquí os problemas xa que, ademais, a familia perdeu o gato, ao parecer fuxido polos tellados antes de que o sometesen a unha operación de castrado.

Todo isto podería ser un drama se non fose porque as reviravoltas que arma o autor para revelar e agochar a información ao público seguen o ritmo da comedia clásica, para deleite do público afecto aos lances “detectivescos”, e que mesmo suspiraba asombrado cando se revelaba unha nova sorpresa.

Sen dúbida, o meirande atractivo da peza está na súa autoría e no feito de ser esta a única ocasión na que poderemos ver un texto teatral escrito por Domingo Villar. Unha homenaxe sinalada xa dende o comezo, co seu retrato proxectado no pano do escenario do teatro Afundación de Vigo, e ao que acudiron familiares e amigos, así como un enorme número de fans do autor, até mesmo encher a última butaca.

Unha homenaxe da que son ben conscientes todo o equipo que a puxo en pé para o teatro, dirixidos por Lois Blanco dende o máximo respecto á proposta de Villar. Unha encarga recollida en primeiro termo polo actor Carlos Blanco, quen interpreta ao protagonista (no que non podemos evitar ver un reflexo do propio autor, que mesmo pensou en outorgarse un pequeno papel na estrea).

O resto do elenco está composto por Belén Constenla, Oswaldo Digón e o músico Pablo Novoa, que ademais de compoñer a banda sonora orixinal da peza atrévese a intervir como intérprete nun pequeno papel.


Publicidade

Sen dúbida é Constenla o motor da acción dramática, xa que interpreta á muller do protagonista, propoñendo as leas e enganos da trama, ao tempo que compón unha personaxe onde mestura a muller fatal máis sedutora coa neo hippie adicta ás infusións e ao ioga. Claro que a súa verdadeira paixón será polo diñeiro, como ben queda claro dende o mesmo comezo.

Blanco e Constenla traen ao escenario a unha parella de snobs literarios, sucedendo toda a acción no seu salón, cheo de cadros de Miró, Mondrian ou Lichtenstein. Unha parella coa que non é doado empatizar até que vamos vendo a súa humanidade: a autoesixencia, o medo aos cambios, o medo a perder o status, a soidade.

Talvez, fóra de toda a pedantería burguesa dos personaxes, o momento máis humano acontece xusto fóra do salón, cando o protagonista chama polo seu gato asomándose a unha ventá que sabemos que é un abismo e, polo tanto, que a conversa que está tendo é coa morte mesma.

Tiña, por suposto, que ser estreada no templo do teatro burgués da cidade, antes coñecido como Teatro García Barbón e agora con nome bancario, o único “teatro” de Vigo, xa que o resto son salas ou auditorios. Unha sorte para a compañía, xa que o Teatro Afundación non adoita acoller espectáculos en lingua galega e feitos por compañías da nosa terra, a non ser que asegure a súa rendibilidade. Que foi dos tempos no que as bancadas tiñan a obriga de contribuír á comunidade? -Suspiro-.

Por certo que nos chamou a atención que, tendo o elenco máis que asegurada a súa profesión e técnica de proxección vocal, se decidise por amplificar a súa voz cun feixe de micrófonos que en realidade o que facían era distorsionala. Unha mágoa, especialmente coa fermosa voz de baixo que ten Carlos Blanco.

Con todo, cómpre dicir que a función foi un éxito absoluto, con practicamente todo o mundo erguido no aplauso final, acompañando con fervor o seu respecto polo autor falecido. Un público que desfrutou do enredo como esa era a intención do mesmo Domingo Villar: facer unha comedia coa que o público se entretivese un anaco.

Síbaris, Compañía Condetrespés

Autor: Domingo Villar

Dirección: Lois Blanco

Elenco: Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón, Pablo Novoa

Escenografía: Marta Villar

Attrezzo e vestiario: Marta Villar, Lili Moreno

Iluminación: Dani Juncal

Música orixinal:Pablo Novoa

Produción: Paco Abelleira

Fotografía e vídeo: Marcos Martínez, María Gutiérrez

Teatro Afundación, Vigo. 30 de setembro de 2023.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe: Unhas pelotas de coloríns (Greyson Joralemon)

Pelotas

'O que é o raio, nin maldita idea' da Cía. Souvenir. Proposta gañadora na anterior edición.

Este sábado celébrase na Coruña o VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal