Este ano reforzarase o sistema de selección ampliando o número de persoas expertas profesionais do sector en cada un dos cinco territorios. Así, cada unha das comisións territoriais pasará de ter de 3 a 5 membros, sendo a selección levada a cabo por un total de 30 expertos e expertas que traballarán de maneira colexiada. Nun proceso “o máis transparente e garantista posible”, realizarase unha selección primeiro individual por parte de cada persoa experta e, despois, realizarase unha comisión grupal da que sairán os 30 espectáculos que conformarán o Catálogo. Deses 30, 6 por comunidade, sairán os 15 (3 por comunidade) que xirarán no Itinerario Constelacións, nun traballo de coprogramación entre a organización de CEN e as distintas sedes que acollerán a súa actividade. Na pasada edición, as compañías galegas Caramuxo Teatro, Rebordelos e Xampatito Pato levaron as súas creacións a distintas localidades da cornixa cantábrica.
Nova oficina de cooperación escénica
Outra das novidades da edición de 2024 é a Oficina CEN de Cooperación Escénica. Esta nova proposta porase en marcha o vindeiro marzo apoiada polo Ministerio de Cultura a través da súa convocatoria de axudas para a acción e promoción cultural. Trátase dun programa de consultoría e acompañamento profesional “que reforzará a actividade profesional de Camiño Escena Norte, apoiando a actividade das compañías no ámbito da distribución, as sinerxías entre territorios e o coñecemento sobre o funcionamento do sector escénico profesional en cada unha das cinco comunidades de Camiño Escena Norte”. Esta nova oficina funcionará de maneira permanente como entidade independente de apoio ás compañías e proxectos, dando continuidade ao longo de todo o ano aos obxectivos do proxecto, alén das datas da súa programación oficial.