in ,

A Sala Ártika acolle a estrea de ‘Perder a lingua’

Ofrece dúas funcións esta fin de semana da nova peza da Cía. Eva Comesaña

Perder a lingua mostra de proceso
'Perder a lingua', da Cía. Eva Comesaña.

Unha proposta de artes vivas que relaciona e valora a paisaxe do país e a lingua galega. É así como se presenta Perder a lingua, a nova proposta escénica da Cía. Eva Comesaña, cuxa estrea acolle esta fin de semana a Sala Ártika, en Vigo.

Trátase dun espectáculo para público adulto que combina movemento, son, imaxes e luz en tempo real e que se poderá ver mañá, sábado 27, e pasado mañá, domingo 28 de abril no espazo vigués. A peza, creada, producida e interpretada por Eva Comesaña, Rubén Fernández e Eva Antelo, reflexiona arredor de se relación a lingua e a paisaxe. Esa é a premisa da que parte esta obra conceptual que reivindica a cultura e o territorio galegos. Utilizando a danza, a música e as artes visuais, a peza propón unha viaxe sensorial para coñecer Galicia a través da relación que existe entre a forma do seu territorio e a súa fala.

O traballo parte dunha investigación que relaciona os sons dun idioma coa forma dos accidentes xeográficos da zona onde se fala. Durante o estudo, os espectrogramas, a representación visual que identifica as variacións do son ao longo dun período de tempo, debuxaban unha liña moi similar á orografía do territorio galego. Esta similitude é o recurso usado pola propia obra para relacionar e reivindicar a paisaxe, a xente e o idioma. Perder a Lingua “reinterpreta os xestos do baile tradicional galego, así como o seu vestiario, e tamén a sonoridade, traéndoos á actualidade, mesturando a tecnoloxía con danza contemporánea, música experimental e un deseño de indumentaria e de videocreación con retallos que interpelan directamente á cultura propia do país”.

Deste xeito, a escena acompaña o público por unha narrativa inédita que lle amosará a cultura galega dunha nova forma “co obxectivo de concienciar e facer ver que as tradicións autóctonas están máis vivas ca nunca”. A proposta busca ofrecer unha nova perspectiva sobre Galicia e toda a súa idiosincrasia nunha composición de danza, música, proxeccións e luz que non deixe indiferente.

FICHA ARTÍSTICA:

Dirección artística: Eva Comesaña, Rubén Fernández, Eva Antelo

Músico e intérprete: Rubén Fernández


Publicidade

Bailarina e intérprete: Eva Comesaña

Artista visual – videoproxección: Eva Antelo

Escenografía e iluminación: Macarena Palacios

Axudante de construción da escenografía: Pablo Galdo

Vestiario: Marta García

Asesoramento de movemento: Alejandra Balboa

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Go Home en Noia © Emi Ramírez reducida

A Coruña convértese na capital do humorismo na cuarta edición do EMHU

Recoñecementos Escena Galega 2023 reducida

A segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas destaca seis traxectorias