in

Escribir sobre espectáculos e sustentabilidade

Número 107 da 'erregueté' correspondente ao primeiro semestre de 2024, que saíu despois do verán, en outono.
Número 107 da 'erregueté' correspondente ao primeiro semestre de 2024, que saíu despois do verán, en outono.

É domingo. Acabo de escribir o editorial para o número 108 da erregueté, a revista en papel con contidos exclusivos, diferentes aos que hai na edición online aberta da erreguete.gal. O número 108 corresponde ao segundo semestre de 2024 e sae polas datas do Nadal, para despedir o ano e darlle a benvida a 2025. Seica a revista en papel erregueté é a única publicación de artes escénicas das chamadas Comunidades Autónomas que forman o Estado español. Lembro a desaparecida La ratonera dos curmáns e irmáns asturianos ou Hamlet en Catalunya… habería máis, pero parece que non aguantaron.

En abril estiven nas II Xornadas de Dramaturxia Española Actual en Madrid, organizadas por Dramactual, na mesa “Teatro das Autonomías” e alí o dramaturgo e director de escena Luís Miguel González Cruz, un dos fundadores de Teatro del Astillero, ao ver a erregueté en papel ficou abraiado de que publicásemos crítica de espectáculos e ademais dunha maneira tan abondosa, díxome que debiamos de ser a única revista de teatro no Estado español que publicaba crítica de espectáculos. Unha especie de illa, porque na prensa xeral tamén case desapareceu a crítica teatral, polo menos na prensa galega, coa única e loable excepción do Nós Diario e das revistas Sermos, Tempos Novos, Grial e Luzes, que adoitan sacar unha peza por número.

A min os artigos sobre espectáculos parécenme fundamentais porque deixan o testemuño do que acontece nos escenarios, a través da capacidade para describir, analizar e incluso valorar obxectos artísticos de natureza efémera que implicaron, na meirande parte dos casos, un grande investimento a todos os niveis, tanto de ilusión como de medios humanos e materiais. Paréceme moi triste que se estreen espectáculos, co difícil que é chegar a estrear, e que ninguén escriba nada sobre eles, máis aló dunha sinopse ou dunha nota de prensa promocional.

Que non se publiquen artigos sobre espectáculos tamén me parece terrible porque as pezas de teatro, danza, circo, ópera etc. non acostuman ser tan fáciles de mover polo planeta como as pezas de literatura, pintura, escultura, cinema etc. De tal modo que aínda é máis importante que haxa publicacións sobre as pezas de artes escénicas, para que, polo menos, cheguen imaxes e textos que poidan dar conta, aínda que sexa dunha maneira moi parcial. Eses artigos poden viaxar no espazo para dar testemuño, pero tamén poden viaxar no tempo para que persoas interesadas poidan saber que se fixo aquel espectáculo naquel sitio, aquel día, daquel xeito, con aquela equipa artística e que a experiencia foi daquela maneira etc. Cuestión de memoria histórica dunha pata fundamental da cultura humana.

No número 107 do primeiro semestre publicamos 34 artigos sobre espectáculos e neste número 108 van 23 críticas con fotografías en cor e as súas fichas artísticas. En total unhas 57 críticas de espectáculos en 2024 entre os dous números en papel, diferentes ás que se poden ler de balde no sitio online da erreguete.gal, no que hai publicados, até hoxe, outros 46 artigos na sección de Crítica, diferentes aos que saen na revista en papel. O total pasa dun cento por ano!


Publicidade

Por suposto, tamén se fala de espectáculos, dun xeito quizais máis fragmentado ou indirecto, en entrevistas, por exemplo a Marta Pazos ou a Manuel Lourenzo neste número 108, pero tamén nos artigos temáticos das seccións de Danza e artes do movemento, na de Artes circenses, na de Maxia, na de Monicreques, na de Narración Oral, na sección especial deste 2024 polos 40 anos do CDG, nos artigos sobre festivais como o FIOT de Carballo ou a MIT de Ribadavia, etc.

Ao escribir o editorial do derradeiro número deste ano, tamén me parei a pensar que, en realidade, non se trata dun exemplar da revista que deba pertencer ao ano 2024, senón tamén ao 2025 e máis aló, porque os seus contidos deberían, por sustentabilidade e rendibilidade artísticas e económicas, seguir activos. Isto é algo que me preocupa: a caducidade e a “funxibilidade” dos obxectos artísticos, das obras de arte, no ámbito das escénicas. Iso de que un espectáculo se estree, faga uns cantos bolos durante un ano ou, como moito, un par de anos, e despois adeus, nunca máis. Iso de ter que producir un espectáculo ou máis ao ano, para non perder puntuacións nos baremos de carácter empresarial/industrial nas axudas á creación, ou o frenesí de teatros e festivais a dar prioridade sempre a estreas, nunha competición ben pouco ecoloxista (porque así non se fai rendible o que hai).

Velaí os paradoxos e as inconsecuencias do noso gremio: queremos facer obras artísticas transcendentes, pero acabamos xerando produtos funxibles; queremos, coa nosa arte, mudar o mundo por outro mellor, pero non facemos rendibles os custes, a diversos niveis, que implica facer un espectáculo, intentando mantelo no tempo e facer que chegue á meirande poboación posible. Polo menos nos teatros públicos municipais das cidades deberían despregarse políticas para que, unha vez implantado un espectáculo (escenografía, luces, etc.) no seu escenario, estivese alí máis dun ou dous días, para que puidese ir máis xente, porque cun só día non dá tempo para o boca orella ou para que a moita xente lle cadre ese día de poder asistir etc. Claro, haberá quen diga que foi ao teatro un día e só había catro persoas, o cal demostra que non fan falta máis funcións, pero iso é un erro, porque a programación necesita ir acompañada de toda unha política de mediación e promoción, igual que con calquera outra cousa. En resume, para termos un mundo mellor necesitamos memoria (coñecemento), transmisión de coñecemento e sustentabilidade no aproveitamento de recursos. Aplicado ao noso, por exemplo, a memoria (coñecemento) e a súa transmisión poden consistir na capacidade para describir, analizar e deixar testemuños das artes vivas; a sustentabilidade e o aproveitamento de recursos poden consistir en que a mel dos espectáculos non caduque e se manteñan en repertorio grazas a que os teatros públicos das cidades galegas non estean pechados cinco ou seis días á semana e haxa unhas políticas máis xustas de programación, mediación e promoción das artes escénicas.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Parte do equipo da peza 'Bonecos', de Red Cloud Teatro de Marionetas, dirixida por Quico Cadaval. Fonte Diário de Aveiro

Quico Cadaval dirixe ‘Bonecos’, de Red Cloud Teatro de Marionetas