A Andrea Jiménez coñecémola en Galiza ben, froito da súa participación na compañía Teatro en Vilo, que fundou coa allaricense Noemí Rodríguez e coa que dirixiu espectáculos como Terceiro acto (2021) ou Hoy puede ser mi gran noche (Premio do Público na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia no 2020).
Logo de decidir partir camiños, Andrea Jiménez retoma a dirección de proxectos en solitario, como con Cómo hemos llegado hasta aquí, unha produción de Teatro del Barrio que tivemos a oportunidade de ver na programación de Vigocultura de 2023.
Firme defensora do valor do teatro como ferramenta de transformación social, as súas pezas levan o selo do discurso político e persoal, da reflexión íntima e da intelectual, da beleza, do risco e do caos.
Así é nesta ocasión, que chega de novo a Vigo con Casting Lear, unha coprodución con Barco Pirata (a empresa teatral dirixida por Sergio Peris-Mencheta) e Teatro de la Abadía, que acadou o Premio do Público no pasado FIOT de Carballo, e na que Andrea Jiménez se mete na pel de Cordelia como actriz, como directora, como filla e como muller.
Unha proposta anovadora non só porque Jiménez dirixe a peza nun falso directo (e non porque as directrices non sexan dadas en vivo sobre o palco, senón porque están previamente deseñadas), senón porque en cada función convidan un actor diferente, que non sabe da peza nin do que vai acontecer máis que o necesario, para interpretar a Lear.
Con esta proposta, Andrea xa nos gañou: ante tal panorama, a expectativa do que vai acontecer xera un clima totalmente propicio para a peza, pero é que ademais Andrea Jiménez e o seu equipo cumpren con creces esta e calquera outra expectativa que puideramos ter sobre a peza, e aínda vai máis alá.
Casting Lear é moitas cousas, das que iremos falando de seguido, pero antes que nada, é unha verdadeira lección de teatro. Teatro e puro teatro. Teatro en directo e teatro sobre o teatro. Unha representación dentro dunha representación pero que ademais fala tanto do traballo de creación como do de investigación como da transformación persoal que se pode acadar a través dun proceso artístico.
Sobre o escenario, podemos ver como se produce o feito teatral, que Jiménez nomea e invoca, ademais, con tanto amor e admiración citando a Peter Brook: “Unha persoa camiña por un espazo baleiro mentres outra persoa a observa.”
Velaí o puro teatro.
Mais, non marchen aínda, que hai máis.
Se non fose abondo con nomear un dos pais do teatro contemporáneo, invocamos tamén o pai do teatro universal, William Shakespeare.
E faino, por suposto, a través do “gran” pai da súa literatura: o rei Lear, aquel home profundamente inseguro e narcisista que precisaba impoñer a súa vontade a través da violencia e mercar o amor das súas fillas a través de prebendas e que, obviamente, non era quen de apreciar o amor máis puro aínda que se lle puxese diante dos fociños.
E con tanto pai… un diría que algo está a acontecer co tema, non?
Así é, en efecto, porque a cousa non é facer un Lear porque si, senón que a través da lectura do clásico, Jiménez entendeu cousas da súa vida e da súa relación co seu pai e, entón, foi quen de entender a Lear.
E esta é a proposta de Casting Lear: atoparnos coa figura do pai, ese gran descoñecido, a través da historia da filla desterrada e desherdada que non só é Cordelia, senón tamén Andrea, nunha ficción que se nos conta como verdade (e que probablemente o sexa, mais tampouco importaría, do ben contada que está).
Unha historia coa que, a pesar das diferenzas no contexto ou no desenvolvemento dos feitos, todes podemos resoar xa que, quen non sentiu algunha vez o desprezo do seu pai? A necesidade de ter que facer ou ser algo diferente para acadar o seu aprecio? A inseguridade no seu afecto e amor?
O actor convidado en cada función ten a enorme tarefa de atoparse con este personaxe inmenso (o real e o ficticio) e interpretalo seguindo as instrucións que Andrea lle dá en directo. Unha tarefa pola que teñen pasado actores como Marcial Álvarez, Imanol Arias, Fernando Colomo, Pere Ponce, Pedro Mari Sánchez ou Quico Cadaval na representación de Carballo. Na función á que puidemos asistir, foi Avelino González quen, a pesar de non ser probablemente o Lear máis prototípico no que puidésemos pensar de primeiras, fai un traballo excepcional grazas á entrega absoluta á proposta e á confianza que deposita en Andrea como guía desta viaxe.
Unha viaxe que non só amosa a historia de Lear como ese narcisista inseguro que antes nomeamos, senón que tamén incorpora o pai de Jiménez a través de escenas paralelas ao texto shakesperiano. Unha viaxe de confianza na proposta e de absoluta entrega emocional, e grazas á que podemos apreciar valores no traballo de González que acaso antes non tiveramos ocasión de ver.
Por rematar, quero pararme nun dos intres que esta función nos agasalla e onde podemos ler o ben que entende Andrea Jiménez o seu oficio. Un intre de teatro puro, no que a filla lle entrega ao actor que fai do seu pai o mail no que este corta para sempre as relacións entre eles. Un instante tráxico e que se converte nunha delicia de puro teatro grazas a que o actor o le para si e non en voz alta e que nós, pendentes unicamente do seu xesto facial, podemos entender á perfección.
Andrea, o teu é puro teatro.