in

Asociacións profesionais únense nun comunicado de apoio a Iria Pinheiro

asocirpi |

Varias asociacións profesionais fixeron público un comunicado no que non só se solidarizan coa actriz Iria Pinheiro despois de que esta denunciase acoso por parte dun director dun programa no que participaba: tamén propón un “proceso de reflexión colectiva” que permita a adopción de protocolos para a prevención do acoso sexual e para a actuación en caso de denuncia. Velaquí o comunicado:

 

A Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Asociación Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación de Profesionais da Dirección e da Realización de Galicia (CREA), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Dramaturxia (Dramaturga), o Cluster Audiovisual Galego e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas queren amosar o seu apoio e solidariedade á actriz Iria Pinheiro, que -segundo advertiu o pasado venres o medio Sermos Galiza- vén de presentar unha denuncia penal no Xulgado de Garda número 3 de Santiago de Compostela na que describe unha presunta situación continuada de acoso.

Cómpre aceptar a parte de culpa que a todas e a todos nos corresponde, como colectivo profesional e como sociedade, na sensación de impotencia e de desamparo que describe a actriz e é preciso poñerse inmediatamente a traballar na construción das ferramentas necesarias para evitar que este tipo de situacións poidan producirse no futuro.


Publicidade

Propoñemos, neste sentido, iniciar un proceso de reflexión colectiva que no medio prazo permita dotármonos dos recursos precisos para axudar de xeito efectivo a outras mulleres que poidan vivir situacións como a descrita pola compañeira Iria Pinheiro. A adopción de protocolos para a prevención do acoso sexual e para a actuación en caso de denuncia ou a selección de profesionais especializadas neste tipo de agresións son algunhas das medidas que consideramos máis urxentes e necesarias.

A cultura en xeral, e o audiovisual en particular, deben acompañar o mandato social de defensa dos dereitos das mulleres que tan claramente se escoitou o pasado 8 de marzo nas rúas. Probablemente, non estea nas nosas mans eliminar de xeito inmediato o acoso sexual na industria ou na sociedade, pero correspóndenos asumir a responsabilidade de dar os pasos precisos para que este cambio se produza o antes posible.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

patapapum2 |

Elefante Elegante estrea novo espectáculo familiar

DanzaUSC18 |

XVI Encontro Universitario de Danza da USC