Unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense comezará o próximo 12 de abril, cun programa que inclúe a participación de 28 grupos procedentes de sete países, 15 de aulas universitarias e o resto, profesionais.
Liñas básicas desta edición do certame, que se desenvolverá ata o 28 de abril, serán o humor –coas actuacións previstas de Leo Bassi e Yllana– o compromiso social –con representantes de grupos de Marrocos, Guinea Ecuatorial e Perú– e o achegamento a Portugal.
A Mostra arranca o 12 co actuación da Aula Universitaria de Ourense Rosaura, que representará o seu espectáculo Sen pés nin cabeza, nunha actuación de rúa. Seguirán obras como Os inocentes, de Producións Teatrais Excéntricas ou 666 de Yllana, xunto a representacións de grupos universitarios como Geppetto, a aula de teatro infantil, que presentará (Du)as viaxes de Gulliver, Cordelia, que levará A nosa cociña ao Teatro Principal ou a aula Maricastaña, que representará As ondas das pedras no río.
Ademais das funcións nos teatros, a MITEU organizará coloquios post-representación dos grupos chegados de Perú, Guinea Ecuatorial e Marrocos –no marco da aposta deste certame de dar espazo ás voces silenciadas– actuacións musicais, espectáculos circenses, animación de rúa e un curso de formación a cargo de Javier Valencia (Perú). A danza ocupará un papel destacado a través do 8º Encontro de Danza Interuniversitaria que se celebrará no marco da Miteu.
Na presentación da MITEU, Fernando Dacosta, membro de Sarabela Teatro e director da Mostra, lembrou a delicada situación pola que pasa o teatro universitario galego, logo de que desaparecesen as as aulas de teatro de Ferrol, A Coruña e Pontevedra.