A regra que confirma a excepción
| Manuel Xestoso |
| Foto: Luz Soria |
O máis inquietante é o que non se ve. La tristeza de los ogros preséntase como unha fábula infantil para adultos, ou se se quere, como un conto para adultos infantilizados. A escolla do rexistro é coherente co ton que adopta a función, pero tamén cun sistema que se acolle a relatos un tanto puerís para tratar de explicar –e de expiar– as inxustizas que nos arrodean. Por iso o verdadeiramente perturbador é o interrogante que non se enuncia: propicia a violencia unha sociedade baseada na competición permanente entre os individuos que a compoñen?
A anécdota recrea dous casos reais protagonizados por adolescentes: o 20 de novembro de 2006, o mozo Sebastian Bosse, de 18 anos, dirixiuse ao instituto onde estudaba e padecera acoso, disparou a cinco compañeiros e logo suicidouse (curiosamente, ese mesmo caso inspirou outra obra de Lars Norén). Pola mesma altura, a moza austríaca Natascha Kampusch, tamén de 18 anos, fuxía da casa onde permanecera dez anos secuestrada e recorrentemente forzada. Unha nena cun ridículo vestido de noiva e signos de violencia no seu rostro –a noiva cadáver de Tim Burton é a referencia que ningún cinéfilo perderá de vista– actúa como a mestra de cerimonias que inza con comentarios de crueldade extrema o relato dos dous protagonistas e, ao tempo, fía as dúas historias entre elas e co público.
A montaxe de Fabrice Murgia posúe na posta en escena o seu maior atractivo: evoca sen mostrar, desenmascara sen caer no didactismo, pivota sobre os monólogos dos protagonistas mais crea un diálogo que o espectador debe reconstruír. O uso do aparato tecnolóxico –proxeccións, voces distorsionadas, cámaras en directo…– subliña a distancia que os novos medios de comunicación crean entre os individuos e a realidade –esa distancia que contribúe a esvaecer a responsabilidade moral–, recreando a cesura existencial na que se moven uns personaxes incapacitados para medrar.
A narración elixe permanecer no terreo do onírico e iso permítelle eludir as explicacións sobre o que son “feitos reais” e o que hai que atribuír á imaxinación do autor: ese rexistro converte o espectáculo nunha suxestiva alegoría poética que evita que a anécdota se impoña sobre a parábola. Un humor negro –proporcionado polas apostilas da pequena noiva– rebaixa o tremendismo e proporciona unha saudable distancia ante os pormenores máis morbosos. Así, o relato das atrocidades transfórmase nun conto cuxa inocencia estoura nas mans do auditorio.
A función xira sobre ese momento que adoitamos identificar como a “perda da inocencia”, o implacable instante de tránsito entre a adolescencia e a idade adulta. Porén, o que non se di resulta máis revelador: o finxido sosego das sociedades de consumo convértennos a todos en adolescentes incapaces de ver o pesadelo que se agocha detrás desa ficticia ilusión de paz social e cordura colectiva. De aí que os medios reaccionen con sensacionalismo cando se producen episodios que funcionan como físgoas polas que observar a ferocidade do mundo: non resulta conveniente que a verdade sexa coñecida, cómpre presentar estes casos como excepcións monstruosas que confirman a regra. La tristeza de los ogros apunta a que talvez o acertado sexa pensar o contrario.
La tristeza de los ogros, de Fabrice Murgia.
Dirección: Fabrice Murgia.
Adaptación: Borja Ortiz de Gondra.
Elenco: Olivia Delcán, Andrea de San Juan, Nacho Sánchez.
Escenografía: Françoise Lefebvre
Iluminación: Manu Savini
Espazo sonoro: Maxime Glaude
Vídeo: Jean François Ravagnan
Vestiario: Marie-Hèlène Balau
Director técnico: Joan Lavandeira / Giacinto Caponio
Axudantes de dirección: Diego Garrido e Ana Rodríguez
Produción executiva: Nadia Corral
FIOT. Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Pazo da Cultura. 14 de outubro de 2018.