in

Vinte e catro espectáculos na programación do Concello de Vigo

Plastic |

O venres 25 e o sábado 26 de xaneiro arrinca na rúa do Príncipe a programación municipal de artes escénicas e musicais, VIGOCULTURA, que se desenvolverá nos meses de febreiro, marzo e abril, organizada pola Concellería de Cultura. A compañía portuguesa Projeto EZ realizará unha espectacular ruada, protagonizada por dous vehículos sorprendentes, con pases ás 18:30 e ás 19:30 h. Serán as primeiras das 37 funcións previstas nesta nova tempada, que volverá contar con teatro, música, danza, maxia, circo, monicreques, un espectáculo para bebés e un de rúa.

VIGOCULTURA volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. O programa contará con sesións para público adulto, os venres ás 21:00 h, e con programación destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos ás 18:00 h.

O venres 1 de febreiro comezará a programación no Auditorio Municipal do Concello, que todos os venres exhibirá espectáculos para adultos con compañías como Contraproducións (Commedia, 1 e 2 de febreiro), Eme2 (A noiva de Don Quixote, 8 de febreiro), La Estampida (Lo nunca visto, 15 de febreiro), La Joven Compañía (PlayOff, 22 de febreiro), o proxecto de Iria Pinheiro na Berberecheira de Chévere (Anatomía dunha serea, 8 de marzo) ou Malasombra Producións (D.E.P., 22 de marzo).

Cabe destacar a edición por segundo ano do programa especial 3×3 (1 e 2 de marzo), que pretende achegar ao público ao Auditorio Municipal realizando funcións en diferentes zonas do mesmo coma o vestíbulo, os cameríns ou o propio escenario. Deste xeito, tres compañías (Enconarte Producións, Teatro en Punto e Teatro en Vilo) realizarán tres pezas de microteatro e os espectadores irán pasando dunhas zonas a outras do Auditorio.

O venres 15 de marzo, o grupo Talabarte presentará o seu novo disco contando coa presenza especial, como artista invitado, do grande percusionista bretón Dominique Molard, un evento excepcional que só se poderá ver en Vigo.

Para os máis pequenos e as súas familias a oferta completase con compañías como Culturactiva (Saaabor!, 17 de febreiro), o Mago Cayetano Lledó (Lafayette Show, 10 de marzo), Magín Blanco (co musical A nena e o grilo máis aló, 17 de marzo), un espectacular traballo con pompas de xabón xigantes a cargo de Malasombra Producións (Os fabulosos Cleaners, 24 de marzo) ou o novo circo a cargo de La Banda de Otro (Yee Haw, 7 de abril). La Canica presenta un espectáculo para bebés con tres pases (Historia de un calcetín, 24 de febreiro) e Percubebé, un espectáculo-obradoiro no que as crianzas e as persoas adultas aprenden, gozan e descobren o mundo das percusións e da arpa (3 de marzo).


Publicidade

Como ven sendo habitual, o programa celebrará tanto o Día Internacional da Muller (8 de marzo) co espectáculo Anatomía dunha serea da actriz Iria Pinheiro, como o Día Internacional da Danza (29 de abril) cunha fin de semana adicada integramente a esta disciplina e que contará con dous espectáculos de danza para adultos con Daniel Abreu co seu espectáculo La desnudez, gañador de tres Premio Max 2018, incluíndo o de mellor espectáculo de danza(26 de abril), e con Paula Quintas e Plastic (27 de abril). O domingo 28 de abril a compañía Da.Te Danza farao para os máis pequenos con Akari.

Na liña de apoio á creación viguesa, a programación contará con tres estreas: UMMM! da compañía Avento Producións Teatrais (3 de febreiro) e Sorpresa! de Enconarte Produccións (1 e 2 de marzo). O Auditorio vigués tamén será o escenario da estrea absoluta de Running, da compañía De Ste Xeito e da estrea en Galicia de Facendo o Indio de Galitoon (10 de febreiro).

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 8 €, excepto o programa especial 3X3 que terá un prezo de 9 €, namentres que os dirixidos a público familiar serán de 5 €.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir do martes día 15 de xaneiro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902044226, en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval, 35), ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles).

Os abonos para a programación deste período pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

NadjMnemosyne |

Josef Nadj no TSNJ do Porto

MalasombraDEP |

Malasombra presenta dúas das súas obras máis coñecidas no Salón Teatro de Compostela