in

Malasombra presenta dúas das súas obras máis coñecidas no Salón Teatro de Compostela

MalasombraDEP |
Xoque Carbajal e Jouse García regresan á sede do CDG para poñer en escena Go On! o venres 18 e D.E.P. Descanse en paz o sábado 19.

 

A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Malasombra Producións con dúas das comedias máis coñecidas desta compañía galega: Go On!, o venres 18 ás 20,30 h., e D.E.P. Descanse en paz, o sábado 19 á mesma hora.

Tras a súa recente participación no ciclo de Nadal do CDG Gran teatro para os máis pequenos co espectáculo de pompas de xabón Os fabulosos Cleaners, o dúo interpretativo que integran Xoque Carbajal e Jouse García regresa ás táboas do Salón Teatro con dúas propostas, dirixidas por Marcos Orsi, coas que continúan a xirar por todo Galicia.

O venres será a quenda de Go On!, comedia escrita por José Luis Prieto sobre uns astronautas que toman terra no “planeta Galicia”. Os exploradores inician entón “unha odisea cósmica no espazo galego”, durante a que entrarán en contacto cos cans de palleiro, o porco do San Martiño, as festas gastronómicas, os toxos e as ortigas ou a Santa Compaña.

Ao día seguinte, o pano do Salón Teatro levantarase para D.E.P. Descanse en paz, produción realizada a partir dun texto de Pep Antón Gómez e Jordi Sánchez, traducido e adaptado por Xoque Carbajal. Esta montaxe bota man do humor para contar unha historia de egoísmo, mentiras e enganos entre irmáns ante a repartición dunha herdanza.


Publicidade

A venda anticipada de entradas para ambas as funcións está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo dos espectáculos.

A programación de xaneiro do Salón Teatro continuará a semana que vén coa estrea de Doppelgänger, espectáculo de Berrobambán en coprodución co Centro Dramático Galego, que tamén colabora con esta compañía compostelá a través do seu programa de residencias. As funcións para público xeral terán lugar do xoves 23 ao domingo 25.

Dentro desta mesma iniciativa de estadías artísticas, Artesa Cía. chegará á sede do CDG o luns 28 para continuar traballando sobre Chola a It Girl, montaxe que representará no Salón Teatro do xoves 31 de xaneiro ao domingo 3 de febreiro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Plastic |

Vinte e catro espectáculos na programación do Concello de Vigo

bernardas |

Certame ‘Sumidoiros’ na sala Ingrávida