in

Premio de Honra Marisa Soto para as aulas de teatro universitario de Santiago e Ourense

Cinzas |

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelles ex aequo á Aula de Teatro da Universidade de Santiago e á Aula de Teatro Universitaria de Ourense o Premio de Honra Marisa Soto, que será entregado durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que nesta vixésima terceira edición terá lugar no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 21 de marzo.

Con este galardón, recoñécese o inxente labor destas dúas aulas de teatro, auténticas canteiras para a nosa escena profesional dende as súas respectivas fundacións a comezos dos anos noventa do pasado século. “Varias ducias de intérpretes que, hoxe por hoxe, soben aos nosos escenarios, deron os seus primeiros pasos nestas aulas universitarias. Non poderiamos entender o teatro do aquí e do agora sen o esforzo desenvolvido por estas dúas institucións”, apunta a Xunta Directiva. “Espertaron vocacións e cultivaron talentos ao longo de tres décadas, antes mesmo de que existise unha Escola Superior de Arte Dramática en Galicia, polo que merecen todo o noso aplauso, todo o noso agarimo e todo o noso respecto”, sentencia a Xunta Directiva, que tamén subliña o seu gran traballo á hora de crear “afeccionados, público e un tecido de interesantes iniciativas formativas ou de exhibición como son os diferentes festivais que se repiten cada ano.”

Deste xeito, as Aulas de Teatro Universitario de Ourense e Santiago únense á longa lista de persoas e entidades que dende 1996 reciben este premio honorífico. Manuel Lourenzo, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, Ana Romaní, a Sala Nasa, Pilar Pereira, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, o grupo Abrente, Maruxa Villanueva ou a erregueté | Revista Galega de Teatro recibiron xa o seu Premio de Honra Marisa Soto.

 

Aula de Teatro de Santiago

A Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela creouse en 1990 como espazo de formación e produción teatral, diversificando a súa programación nas seguintes liñas fundamentais: compañía de teatro da USC, a Escola de Teatro, programa de apoio ás compañías independentes e a organización tanto do Festival Internacional de Teatro Universitario coma da Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Dende a súa creación, Roberto Salgueiro encárgase da dirección da Aula. Ao longo destes anos, un total de 1.686 alumnos e alumnas pasaron polos programas de formación e a escola de teatro, 135 intérpretes formaron parte dos elencos das producións escénicas da Aula e 29 foron os asistentes de dirección.

A produción escénica da Aula de Santiago inaugurouse co espectáculo A esperar a Godot, de Samuel Beckett, dirixido por Roberto Salgueiro, traducido por Francisco Pillado e con escenografía de Marcelino de Santiago, Kukas. O elenco estaba formado por Mónica García, Xosé Paulo Rodríguez, Elisa Fernández Rei, Artur Trillo e Francisco Singul Lorenzo. Dende aquela até hoxe, a Aula levou a escena unha trintena de espectáculos, entre os que podemos destacar pezas como Cinzas (Rodrigo García, 2013); Trufaldino, servidor de dous amos (Goldoni, 2006), O velorio de Pat O’Connor (Salgueiro, 2005), O Burgués xentil home (Moliérè, 2000), La cabeza del dragón (Valle-Inclán, 1999) ou Cando chega decembro (Manuel Lourenzo, 1993).


Publicidade

Polas montaxes da Aula de Teatro da USC, pasaron intérpretes como César Goldi, Anabell Gago, Ursia Gago, Diego Rey, Toni Salgado, Machi Salgado, Xúlio Abonjo, Mónica Camaño, X. C. Mejuto, María Ordoñez, Marcos Correa, María Lado ou Xosé Manuel Esperante; dramaturgos como Vanesa Sotelo, Fran Godón ou Rubén Ruibal, e xestores culturais como Paulo Rodríguez, Roberto Pascual, Diego Meizoso ou Cecilia Carballido. Esta listaxe, no que se recollen só algúns nomes que hoxe por hoxe forman parte do noso sector cultural, achega unha idea do enorme labor de canteira desenvolvido pola Aula.

 

Aula de Teatro Universitaria de Ourense

A Aula de Teatro Universitaria de Ourense, da Universidade de Vigo, nace no campus de Ourense en 1991 baixo a dirección da compañía Sarabela Teatro. A súa directora fundadora foi Ánxeles Cuña Bóveda, quen lle pasou o relevo en 1995 a Fernando Dacosta, quen continúa na actualidade á fronte da dirección. O equipo profesoral está conformado polos compoñentes de Sarabela, aos que cada ano se suman conferenciantes e docentes externos. Dende a compañía e a Aula de Teatro organízanse a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU), pola que pasaron formacións de corenta países de cinco continentes en 23 edicións, e a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI).

Ao longo do ano académico, realízanse cursos de teatro en diversas disciplinas e organízase ensino teatral en tres niveis. O primeiro responde ao grupo Rosaura, que este ano presenta espectáculos dirixidos por Sabela Gago; a formación Cordelia acorde ao segundo nivel, cuxas montaxes dirixe Fina Calleja; e Maricastaña, grupo de nivel superior do que se encarga Dacosta e que xirará por Galicia, Portugal e España. Ademais, a Aula tamén conta cunha sección infantil dirixida por Elena Seijo e organiza, ademais dos citados festivais, ciclos de conferencias, coloquios e accións teatrais.

O grupo Maricastaña iniciou o seu periplo en 1992 coa obra O sangue do tempo, de García Pintado. Dende aquela até hoxe, estreou un total de 31 espectáculos, entre os que se poden destacar Hamlet (Shakespeare, 1997), Vodas de sangue (Lorca, 2001), Frankenstein (M.W. Shelley, 2005), Hide (Stevenson, 2009), Un novo mundo feliz (Huxley, 2012) ou a máis recente As ondas das pedras no río, todas elas con dramaturxia do propio Dacosta. Nestes anos, máis de 600 persoas pasaron pola Aula de Teatro Universitaria de Ourense e participaron nas súas montaxes a través dos seus tres niveis de formación. Ademais, intérpretes como Eva Fernández, Sergio Zearreta, Nate Borrajo, Alfonso Míguez, Aitor Rey, Teté García, Tito Asorey, Marta Doviro, Paloma Lugilde, membros de Trécola Teatro e A Run Run, ou técnicos como Celso Ferreiro deron os seus primeiros pasos artísticos nela.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FiosErnestoIsViana |

Antonio Mauriz gaña o I Premio Platta de Teatro Breve con ‘Amor de corbata’

tnsj |

O Teatro Nacional São João do Porto celebra 99 anos